Represión lingüística do galego

Visita guiada polas pegadas da represión lingüística na cidade da Coruña

Nesta fin de semana, fai un ano desde que o primeiro volume do libro que repasa a historia da represión da lingua galega ao longo dos séculos, "O libro negro da lingua galega" (Edicións Xerais), chegou ás librarías.
Visita guiada polas pegadas da represión lingüística na cidade da Coruña
O libro negro port
O libro negro port

Para celebrar este aniversario, A Coruña acolle dúas visitas guiadas para dar a coñecer á poboación as marcas da represión lingüística na cidade, de acordo cos datos extraídos desta investigación.

Os roteiros sairán neste domingo, 11 de xuño, ás 11h30 e ás 18h30 en fronte da igrexa das Capuchinhas, na rúa Panadeiras, por ser o primeiro templo de toda a Galiza en ter misa continuada en galego, pero con problemas, como a presenza persistente da policía secreta camuflada entre os fieis ou a negativa do goberno a permitir que esa misa puidera ser retransmitida pola radio. A participación nos roteiros é aberta e de balde, pero é necesario inscribirse previamente no correo [email protected].

"O libro negro da lingua galega" tivo unha recepción "excelente" desde a súa publicación, incluso "inesperadamente boa para un traballo de case 800 páxinas e que pesa un quilo e cen gramos", como lembra o autor cun sorriso. "Eu creo que esta acollida non se pode explicar sen a propia situación do galego, que fai máis necesario un estudo como este, pois responde con datos contundentes a toda a propaganda que nos atribúen", indica Callón. Ademais, a través destas páxinas, "a longa lista de castigos, imposicións, queimas e barreiras ao longo dos séculos mostra que o Estado español ten unha débeda histórica co galego, e esa débeda debe saldarse".

Doce meses despois, o volume xa está na súa cuarta edición e foi motivo de 45 actos de presentación en diferentes lugares da xeografía galega e máis aló: Bruxelas, Lisboa, Madrid, Río de Xaneiro, Salvador da Bahía e Niterói acolleron encontros para falar sobre as súas páxinas. Ata agora, 2.771 persoas participaron nestes lanzamentos.

Ademais das visitas guiadas en A Coruña o día 11 de xuño, neste fin de semana realizaranse encontros polo mesmo motivo en Santiago de Compostela e en Boiro. Estes eventos, promovidos pola Deputación da Coruña, contan co apoio da Asociación Cultural O Galo, da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, da libraría de Rosa, da libraría Pedreira, das Edicións Xerais e da Mesa pola Normalización Lingüística.

Visita guiada polas pegadas da represión lingüística na cidade da Coruña