AXENDA CULTURAL

A Casa Museo Casares Quiroga acolle desde mañá ‘Habitar a palabra’, lembranzas das e dos presos políticos do franquismo

O ciclo de actividades iniciarase este mércores, 13 de marzo, coa lectura pública da correspondencia de persoas condenadas a morte na guerra civil e na represión franquista que se atopaban no cárcere da Coruña

A Casa Museo Casares Quiroga acolle desde mañá ‘Habitar a palabra’, lembranzas das e dos presos políticos do franquismo
Cartel Habitar a palabra
Cartel Habitar a palabra

A Coruña, 12 de marzo de 2019.- A Casa Museo Casares Quiroga continúa coa difusión de actividades vinculadas á recuperación da memoria. Logo da mostra fotográfica Paisaxes da memoria, esta semana comeza a exposición Habitar a palabra, unha proposta impulsada tamén pola Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica coa colaboración do Concello da Coruña. O traballo pretende convidar á veciñanza a achegarse ás lembranzas das e dos presos políticos do franquismo a través dos seus testemuños e correspondencia carceraria.

A proposta comezará este mércores, 13 de marzo, ás 18.00 horas, cunha lectura pública e aberta á cidadanía das cartas das persoas reclusas no cárcere da Coruña, que foron silenciadas pola guerra civil e a represión. En cada lectura abrirase un tempo á intervención cidadá, para que familiares, persoal investigador e veciñanza compartan as súas impresións. Estas formarán, posteriormente, parte dun lenzo que se incluirá na exhibición do propio equipamento municipal. Ademais, esta sesión, que se prolongará até as 20.00 horas, gravarase en vídeo para converterse nunha peza documental, que tamén se poderá ver na casa museo.

A exposición Habitar a palabra estará aberta até o 31 de marzo e as actividades paralelas terán lugar os mércores deste mes. Así, o día 20, celebrarase a presentación do libro Le temps des cerises, do ex-preso político Ángel Cardín, mentres que o día 27 Xesús Alonso Montero impartirá unha conferencia sobre a correspondencia carceraria.

Comentarios
A Casa Museo Casares Quiroga acolle desde mañá ‘Habitar a palabra’, lembranzas das e dos presos políticos do franquismo