ELECCIÓN DA REPUBLICANA DE HONRA 2019

Celsa Díaz Cabanela, Republicana de Honra 2019

Na Asemblea Xeral de Socios e Socias da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) celebrada onte, mércores 12 de febreiro de 2019, foi escollida a persoa que vai ser distinguida co nomeamento de REPUBLICANA DE HONRA 2019, distinción que este ano caeu na persoa de CELSA DÍAZ CABANELA.

Celsa Díaz Cabanela, Republicana de Honra 2019

Hai que dicir tamén que foron en total catro persoas as que foron candidatadas por distintas persoas socias da CRMH, e, logo dunha votación, a gañadora foi Celsa Díaz Cabanela.

Menor de idade e idealista, tamén estivo no cárcere. Celsa foi expedientada, detida e encarcerada en dúas ocacións, en 1974 e 1975. A primeira vez,tiña 16 anos.

Celsa era alumna do Instituto de Monelos. Tiña 15 anos e estudaba 5ª de Bacharelato, e organizaban actividades culturais: teatro, concertos de música... Era a maneira de concienciar aos compañeiros. Tamén promovían protestas. Un día de 1972, chegoulle a noticia de que fora expedientada. Era, polo visto, subversiva, e foi expulsada do Instituto. Celsa tivo que matricularse no Instituto de Zalaeta. Xunto con outros compañeiros e compañeiras, membras tamén das Xuventudes Comunistas formaban células para realizar traballos de concienciación, nas fábricas, nas asociacións de veciños ou nas agrupacións culturais.

No Instituto de Zalaeta non tivo a colaboración do profesorado que tivera en Monelos. O alumnado que estaba interesado en organizar actividads tiña que buscar lugares fóra do centro escolar. Nos locais da parroquia era onde podían xuntarse.

Neses meses Celsa foi detida máis de sete veces, e a dinámica sempre era a mesma: era arrestada pola policía, e unha vez levada a comisaría era incomunicada 72 horas, que era o máximo permitido pola lei. A comisaría da Coruña estaba onde está hoxe, xunto os xardíns de Méndez Núñez. O calabozo era un lugar desanxelado e inhóspito, onde o terror medraba co silencio e a incomunicación. A manta era húmida e facía moito frío. Celsa aínda lembra ese picor e o frío do áspero cobertor. A comida era unha especie de caldo que viña nun balde, qque ella recorda non telo podido comer nunca.

O peor era cando a levaban para interrogala onde estaban os policías. Alí dicíanlle todo tipo de insultos vexatorios e machistas, querían que declarase quen eran os seus camaradas. Ela descoñecía os nomes, e volvían a insultala, ameazale e acurralala. O medo era paralizante. Mentres tanto, a familia non sabía nada dela, nin de ningunha das outraas persoas detidas con ella. Alí podía pasarlles de todo. Os policías parecían disfrutar.

Unha mañán do ano 1974 entrou a policía no instituto e levárona, esta vez directamente á cadea. A causa foi non pagar unha multa da que ella nunca recibíu notificación. Probablemente alguén do centro educativo deu autorización a que entrara a policía, e seguramente tamén denunciouna. Cando chegou ó cárcere era a única muller presa política, e ubicárona coas presas comúns. Alí compartíu vida con prostitutas, mulleres que estafaran, unha que matara ao marido, pero tamén con mulleres que tiñan abortado e coas que realizaran abortos. O tempo pasaba lento, ela colaboraba nos talleres que se facían pola mañán, e polas tardes estudaba, a partires das sete xa volvía á cela.

Os domingos podían visitala os seus pais e compartir a comida que lle traían. Eles nunca lle reprocharon que estivera no cárcere, sempre foi apoiada e comprendida. O seu pai era de esquerdas, represaliado, a súa irmá tamén sufriracadea e os irmáns militaban no Partido Comunista: todos sabíen o que era o antifranquismo e o que iso supoñía. “Miña nai sempre foi unha loitadora,nunca se queixou, sempre estivo ao noso lado”. “Tamén os veciños axudaron aos meus pais; daquela había moita solidariedade”, afirma Celsa.

Celsa poudo facer os exames que lle levaban á cadea a súa profesora Amparo, a única que se implicou. Pero como foi expedientada non puido continuar estudando nin nese centro nin enningún outro ata outubro de 1977, cando se promulgou a Lei de Amnistía.

No ano 1975 volvérona a apresar. Foron á súa casa, por causa -de novo-, dunha hipotética multa... Houbo de volver ao cárcere, alí esta vez estivo con outra presa política, unha militante da UPG. Franco morreu un par de meses despóis.

Celsa pasou desta volta dous meses presa. Compaxinaba o seu tempo entre os estudos e os labores do cárcere, e tamén recibía visitas dúas veces á semana.

E cando saíu, e pisou a rúa, apareceu un novo obstáculo. “Me expedientaron e non puiden estudar. Daquela, puxose a traballar.

Celsa rematou anos máis tarde o Bacharelato e estudou Graduado Social. Segue a considerarse de esquerdas, pero deixou o Partido Comunista cando o 23 de febreiro de 1981, día do golpe de estado, non actuaron na rúa..

Hoxe preside a Asociación Antisida, e considera que a droga acabou coa contestación social e tamén coas vidas de moitos militantes de esquerdas. Sobre o edificio do cárcere ás veces pensa que “deberían rompelo en anacos”, pero seguramente a desaparición do edificio non evitaría o noxo que sinte cando pensa naquel tempo. Agora crúzase a diario na piscina cun dos que a detiveron e insultaron na comisaría.

Comentarios
Celsa Díaz Cabanela, Republicana de Honra 2019