Axenda Cultural

A Cidade Vella acollerá entre o 24 e o 29 de xullo a XXIV edición da Feira das Marabillas

O Concello ampliará o servizo do transporte público durante o evento, tanto da liña 1 como do nocturno, e despregará un dispositivo específico para minimizar o impacto ambiental vinculado á festa

A Cidade Vella acollerá entre o 24 e o 29 de xullo a XXIV edición da Feira das Marabillas
XXIV Feira das Marabillas
XXIV Feira das Marabillas

Concello da Coruña | 17/08/2018

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá a nova edición da Feira das Marabillas, que se celebrará a vindeira semana, entre os días 24 e 29 de xullo. Ao longo de seis xornadas, a Cidade Vella acollerá un evento que supón "un estímulo para o comercio de proximidade e dunha zona histórica da Coruña", segundo apuntou o edil. A iniciativa, promovida pola asociación comercial do barrio, ACECA, co apoio do Concello, contará con máis de 200 postos de artesanía ou gastronomía, ademais de ofrecer diferentes propostas de artes escénicas "que encherán de actividade as rúas do casco histórico coruñés". "Queremos que a Cidade Vella siga sendo o espazo de referencia para a veciñanza nestas datas, coa ampliación necesaria de iniciativas para a dinamización do barrio e a introdución de novos elementos de mellora que fagan desta unha festa sinalada no calendario", indicou Sande, quen lembrou que, nesta edición, o evento tamén seguirá os criterios de protección animal, polo que non haberá ningún posto ou espectáculo no que se exhiban ou se empreguen animais.

Nestas xornadas, as prazas de Azcárraga, da Constitución ou de María Pita acollerán espectáculos con acrobacias, aéreos ou con lume todos os días, á vez que se desenvolverán numerosas propostas itinerantes, no perímetro da feira, de trece compañías de artes escénicas e bandas musicais. Esta edición reforzarase, ademais, o espazo de xogos infantís, o denominado Recuncho das Pícaras. Situado na praza de María Pita, o recinto abrirá todos os días, entre as 11.00 e as 23.00 horas --con descanso entre as 14.00 e as 17.00 horas--  para acoller atraccións, obradoiros, actividades lúdicas, demostracións artesanais, espectáculos de monicreques e até unha gardería medieval.

Durante a XXIV Feira das Marabillas celebrarase tamén a exposición arqueolóxica Voando ao Pasado, que se poderá visitar no Arquivo do Reino de Galicia entre as 08.30 e as 19.30 horas, de martes 24 a venres 27; e unha nova edición do Encontro de Música Medieval, que terá lugar o sábado 28, ás 20.30 horas, na igrexa de Santiago. Este mesmo equipamento acollerá todos os días, no seu adro, representacións históricas no marco do programa Concejos abertos.

Reforzo do transporte público

Un ano máis, e coa finalidade de dar cobertura á veciñanza dos distintos barrios da Coruña, o Concello reforzará o transporte público, coa ampliación do horario da liña 1, cuxa última saída será desde o hospital Abente y Lago ás 23.45 horas, e coa incorporación dunha nova unidade do autobús nocturno, que realizará o percorrido á inversa do sentido habitual. Os dous autobuses nocturnos, ademais, terán en Porta Real a súa cabeza de liña, no lugar do Obelisco. O primeiro dos 'búhos' sairá ás 23.30 horas, mentres que o segundo efectuará a súa saída ás 00.00 horas, mantendo así unha frecuencia de 30 minutos desde a Cidade Vella até as 05.00 horas, momento no que terá lugar a última saída. O goberno local lembra que as veciñas que así o desexen poderán solicitar neses percorridos o servizo de Paradas Libres ás persoas condutoras do vehículo.

O primeiro servizo nocturno sairá de Porta Real ás 23.30 horas para transitar por rúa Nova, rúa Alta, Paseo Marítimo, Campo da Leña, Avenida de Hércules, Paseo Marítimo, Riazor, Labañou, roldda de Outeiro, estación de ferrocarril, Xeral Rubín, Pablo Picasso, Birloque, Estrada de Pocomaco-Mesoiro, Illas Sisargas, Mesoiro, Estrada de Pocomaco, Birloque, San Cristóbal, Camilo José Cela, Vicente Aleixandre, Antonio Noche, Castrillón, Os Castros, avenida de Oza, Catro Camiños, praza de Ourense e Porta Real. A útlima saída deste servizo, tamén desde Porta Real, terá lugar ás 04.30 horas.

A segunda unidade do servizo nocturno sairá ás 00.30 horas e fará o seguinte itinerario: Porta Real, rúa Nova, rúa Alta, Paseo Marítimo, Campo da Leña, avenida de Hércules, Paseo Marítimo, praza de Pontevedra, praza de Ourense, Linares Rivas, Primo de Rivera, Catro Camiños, avenida de Oza, Os Castros, Castrillón, Camilo José Cela, San Cristóbal, Birloque, Estrada de Pocomaco, Mesoiro, Illas Sisargas, Mesoiro, Estrada de Pocomaco, Birloque, Pablo Picasso, Estación de ferrocarril, rolda de Outeiro, avenida de Gran Canaria, Riazor, praza de Pontevedra e Porta Real. A derradeira unidade sairá ás 05.00 horas.

Dispositivo ambiental

José Manuel Sande tamén destacou que o dispositivo ambiental municipal "será fundamental" durante a celebración da Feira, "cun coidado especial dos xardíns históricos e das zonas verdes", que pasarán a contar, tamén nesta edición, con medidas de protección. Ademais, co obxectivo de coidar o espazo público e ante a imposibilidade do acceso dos camións de recollida aos lugares nos que se atopan os contedores soterrados durante a celebración da feira, a área de Medio Ambiente precintará estes colectores con antelación ao inicio da mesma, e instalará, en distintos puntos do perímetro do recinto, numerosos contedores para o depósito de residuos, que estarán debidamente sinalizados. Estes puntos de recollida de lixo --para materia orgánica, inorgánica, papel e cartón ou vidro-- situaranse nas rúas Santiago, Marqués de Cerralbo, Campo da Estrada, Maestranza e Isabel Zendal, ademais das prazas do Xeral Cánovas Lacruz, das Bárbaras e da Constitución.  

Os residuos xerados durante estas xornadas recolleranse diariamente en horario nocturno. Ademais, incorporarase, coma na pasada edición, un reforzo da recollida de tarde, contra ás 18.00 horas, na praza do Xeral Cánovas. O dispositivo ambiental tamén prevé a realización de labores de limpeza do espazo ocupado pola feira entre as 07.00-07.30 horas e as 09.00 horas, empregando medios mecánicos e manuais. Tamén co obxectivo de garantir a conservación das vías públicas, estableceranse normas para protección do chan a través do uso de materiais impermeables e resistentes ao calor naqueles postos nos que existan alimentos quentes, líquidos aceitosos ou nos que xeren graxas. Por último, o responsable municipal avanzou durante a presentación de hoxe que o programa de limpeza e coidado intensivo do espazo público A Pé de Barrio chegará á Cidade Vella o día 30 de xullo, "xusto cando remate a Feira".

A Cidade Vella acollerá entre o 24 e o 29 de xullo a XXIV edición da Feira das Marabillas