Letras galegas

A Federación Galiza Cultura celebra a Luísa Villalta mañá mércores 6 de marzo na Coruña

O Teatro Rosalía de Castro acollerá un evento que incluirá recital poético, dramaturxia, concerto musical e máis, en homenaxe á destacada creadora.
A Federación Galiza Cultura celebra a Luísa Villalta mañá mércores 6 de marzo na Coruña
Luísa Villalta
Luísa Villalta, Inaugurar o tempo da xustiza

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2024. A Federación de asociacións culturais Galiza Cultura organizará mañá mércores, 6 de marzo, no Teatro Rosalía de Castro, un gran acto de homenaxe e celebración en recordo a Luísa Villalta, protagonista do Día das Letras galegas en 2024. A actividade, aberta ao público de balde, terá inicio ás 20:30 horas.

Bautizada como "Inaugurar o Tempo da Xustiza: Celebrando a Luísa Villalta", a iniciativa pretende destacar a faceta polifacética da creadora como poeta, dramaturga, ensaísta e violinista, así como a súa implicación social e política. O evento, que coincide co vinte aniversario do seu falecemento, busca facer xustiza e reivindicar a Galiza que ela representou.

A programación inclúe un recital poético, "Luísa Villalta na Voz dos Poetas", coa participación de Marica Campo, Xulio López Valcarce, Cesáreo Sánchez e Eva Veiga. A profesora e escritora María Pilar García Negro realizará unha lembranza íntima de Luísa Villalta na intervención "Eu Renazo Galega". O actor Miguel Pernas Cora presentará a escenificación de "Concerto para un Home Só", unha peza teatral que Luísa Villalta publicou en 1989 nos Cadernos da Escola Dramática Galega.

O Grupo Instrumental ‘Siglo XX’, con Florian Vlashi, Luigi Mazzucato e Raúl Mirás, ofrecerá un concerto interpretando composicións de Paulino Pereiro relacionadas coa obra de Luísa Villalta. Xurxo Souto pechará o evento cunha intervención titulada "O Outro Lado da Música", inspirada no ensaio homónimo de Luísa Villalta.

A Federación Galiza Cultura convida á cidadanía da Coruña a participar nesta homenaxe que busca destacar a rica contribución cultural de Luísa Villalta.

Destacar que o evento foi financiado grazas ás axudas do programa FO203 de subvencións a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais durante o ano 2024 da Área de Cultura da Deputación da Coruña.

A Federación Galiza Cultura celebra a Luísa Villalta mañá mércores 6 de marzo na Coruña