Banda Municipal de Música | Marea Atlántica | Nota de prensa

A Marea Atlántica insta ao goberno a renovar a dirección da Banda Municipal de Música

O Concello coñece a inminente marcha do actual director, Juan José Ocón, desde o mes de setembro, pero non fixo nada para poñer en marcha a súa substitución

A Marea Atlántica insta ao goberno a renovar a dirección da Banda Municipal de Música
20200309 _BandaMusica1
María García coa Banda Municipal de Música

O grupo municipal da Marea Atlántica insta ao goberno local a renovar canto antes o posto de dirección da Banda Municipal de Música, ante a inminente marcha do actual director, Juan José Ocón. O equipo de Inés Rey coñece esta situación desde setembro, pero ata o de agora non deu un só paso para solucionala, unha actitude irresponsable e unha falta de respecto con esta formación musical.

Nos últimos días, a voceira da Marea Atlántica, María García, visitou un dos ensaios da Banda, para trasladarlles o apoio do noso grupo e recoller as súas demandas e preocupacións, entre as que a falta de relevo para a dirección ocupa un lugar destacado, seguida pola falta de medios materiais e persoais e o escaso apoio do actual goberno municipal.

“Reclamarlle á Xunta a súa enorme débeda de 5,2 millóns de euros coa Orquestra Sinfónica é moi necesario e conta con todo o noso apoio, pero iso non pode levar a esquecer que a Banda Municipal de Música, un orgullo para a nosa cidade cos seus 73 anos de historia, precisa un maior apoio e compromiso do Concello”, sinala María García.

Recoñecemento a unha formación con 73 anos de historia

Por iso, a Marea Atlántica solicítalle ao goberno municipal que atenda as reclamacións da Banda de Música, comece a traballar urxentemente na substitución do seu director, e empregue todas as ferramentas na súa man para solucionar a falta de persoal e medios. É certo que están causados en gran parte polas leis de austeridade que afogan a todas as administracións, pero con vontade política poden atoparse remedios.

Juan José Ocón, que leva a batuta da Banda Municipal desde 2017, comunicou a súa marcha por motivos familiares, pero foi ignorada polos responsables da Concellería de Cultura e Educación. O seu traballo nestes anos foi excelente, e desde aquí queremos trasladarlle todo o noso agradecemento polo compromiso que sempre amosou coa Banda.

A Marea Atlántica insta ao goberno a renovar a dirección da Banda Municipal de Música