Un referente artístico

Morre, aos 72 anos de idade, a actriz Dorotea Bárcena

Dorotea Bárcena morreu esta noite, con 72 anos de idade. Comezou a súa actividade no teatro nos anos setenta, actuando nunha vintena de obras. Acadou gran popularidade pola súa participación en varias series emitidas pola TVG.

Morre, aos 72 anos de idade, a actriz Dorotea Bárcena
Dorotea Bárcena  Fotografía Praza Pública
Dorotea Bárcena | Fotografía: Praza Pública

A actriz sufría problemas de saúde dende había un tempo, aínda que o seu falecemento sorprendeu ás súas compañeiras e compañeiros de profesión.

Nacida en Oviedo, pero afincada en Galicia dende nova, diplomouse en Maxisterio, pero pronto abandonou a carreira docente para dedicarse á interpretación. En 1970 participou na creación, con Xulio Lago, do grupo Esperpento Teatro Xove, un dos grupos máis activos do incipiente teatro independente galego, e no seu seo dirixiu varios textos, ademais de actuar noutras obras.

En 1985 participou como actriz no primeiro espectáculo de Teatro do Atlántico, Xoana, creado a partir dun texto de Manuel Lourenzo con dirección do propio Xulio Lago. Ademais, colaborou na dramaturxia e como axudante de dirección do primeiro espectáculo do Centro Dramático Galego, Woyzeck, dirixido por Xulio Lago, estreado en 1984. Así mesmo, en 1988 foi directora do Centro Dramático Galego e posteriormente traballou en varias producións do Centro Dramático Nacional. En 1987 fundou a compañía Teatro da Lúa, na que desenvolveu traballos como dramaturga, actriz e directora de escena.

Nunca abandonou o teatro, pero a partir dos anos noventa converteuse nun rostro habitual da televisión, sobre todo grazas á súa participación en varias series, tanto de ámbito estatal como galego. Entre 2005 e 2008 foi Amadora en O show dos Tonechos, actuando como a sogra do personaxe interpretado por Roberto Vilar. No cine participou en películas como Divinas palabras, Os mortos van á presa ou Lobos de Arga,

"Un referente artístico e persoal"

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) manifestou esta mañá o seu "pesar" polo falecemento de Dorotea Bárcena, que representaba “un referente artístico e persoal tanto para a súa xeración, que foi a que puxo en pé o teatro profesional ao longo dos anos setenta, como para as que viñeron despois e seguiron a construír a escena do noso país”, en palabras da Xunta Directiva da entidade.

A AAAG sinalou que tamén compre lembrar “o inmenso afecto” que sentía toda a profesión por Bárcena, “gran compañeira de traballo, de escena e da vida” e sinalan a súa traxectoria como exemplo, xa que ao longo da súa carreira cultivou o oficio dende diferentes facetas: actriz, dramaturga, directora, produtora e fundadora de compañías de teatro. Neste senso a entidade salienta que Bárcena é, “ademais de pioneira e referente, un exemplo rotundo para as profesionais do sector, ao ter aberto camiños laborais e por se converter na primeira muller que dirixiu o Centro Dramático Galego".

Fonte: Praza Pública | 22/11/2016

Morre, aos 72 anos de idade, a actriz Dorotea Bárcena