Fotografía

A Ollada dos Cal: 3 xeracións de fotógrafos nun libro

Cal 3 Fotografía está a traballar nun libro moi especial que recolle a mirada de 3 xeracións de fotógrafos da mesma familia. Agora están en plena campaña de mecenado.

A Ollada dos Cal: 3 xeracións de fotógrafos nun libro
A ollada dos Cal 03
A ollada dos Cal 03

Mundo Cal e Félix Cal son os autores da obra “A Ollada dos Cal, 100 anos de fotografía”. Trátase dun libro que pretende difundir o patrimonio fotográfico de tres xeracións desta familia que permaneceu durante décadas detrás do obxectivo. A viaxe comeza a principios do século XX, cos traballos de Saturno Cal, para pasar á metade  do século que percorreremos coa obra de Avelino Cal. O último paso é o noso presente, que corre a conta das cámaras de Mundo e Félix.

Cal 3 fotografía é unha cooperativa de traballo con estudo fotográfico e tenda de Redondela. Despois de realizar cantidade de exposicións e outras publicacións, agora lanzan un crowdfunding para buscar mecenas que colaboren con este proxecto. Percorrer a historia local e galega a través dos recordos destes profesionais é o obxectivo do libro. Os seus autores queren presentar un produto coidado, con textos introdutorios sobre a vida e obra dos protagonistas e impreso na mellor calidade. Para iso necesitan recadar 7000 euros e xa superaron os 5000. Quedan 12 días para que termine a recadación que ofrece, como recompensas, o propio libro e a aparición nos créditos. Estas achegas irán destinadas a sufragar os gastos de impresión dos 1000 exemplares que se publicarán, previsiblemente, en decembro deste ano. O concello de Redondela, pola súa banda, achegará unha axuda para cubrir os gastos de produción.

A ollada dos Cal 02
A ollada dos Cal 02

O traballo dos Cal neste proxecto está xa moi avanzado, só necesitan o empuxón final para facer realidade esta homenaxe á familia e á memoria da nosa comunidade.

Para colaborar, preme aquí

A Ollada dos Cal: 3 xeracións de fotógrafos nun libro