inclusión social e cultural

Profesionais do ámbito cultural e social compartirán coñecementos nunha xornada para avanzar cara unha cultura máis accesible

A proposta, que conta co apoio da Área de  Cultura da Deputación da Coruña, do Concello da Coruña e de numerosas asociacións sociais e culturais, busca implementar unha accesibilidade real na oferta cultural tanto presencial como dixital

Profesionais do ámbito cultural e social compartirán coñecementos nunha xornada para avanzar cara unha cultura máis accesible
Quinta edición do curso de Bencuriosa
Quinta edición do curso de Bencuriosa

Este xoves 17 de novembro o centro Ágora da Coruña acolle a xornada Como facer máis accesible a cultura?. Un programa que contempla a participación, como relatoras, de profesionais de diversas entidades, como ONCE-Galicia, FADEMGA Plena inclusión-Galicia, a federación Autismo Galicia, GRUMICO, a asociación ACADAR e a Rede Museística Provincial de Lugo.  Algunhas delas, tamén, dende a súa vivencia como profesionais con discapacidade. 

Será a través de catro mesas temáticas, centradas en discapacidade visual, auditiva, cognitiva e física, respectivamente, na que as participantes poderán achegarse a necesidades e carencias, pero tamén a experiencias enfocadas a solucións e propostas de mellora na accesibilidade, que a miúdo non se coñecen suficientemente.

Como complemento,  a xornada prevé unha sesión práctica na que ver e analizar de preto algunhas das medidas dispoñibles para mellorar o acceso á cultura de todas as persoas, tanto no contexto presencial como dixital.

Aprender tecendo rede

Esta proposta non busca só formar, senón que tamén quere ser un punto de encontro e conexión do sector sociocultural con técnicos de accesibilidade e expertos das entidades sociais da provincia, que traballan cos colectivos con discapacidade. 

Por iso contempla unha parte máis social e distendida, con espazos de conversa e un xantar colectivo con produtos de comercio xusto, facilitados por Solidariedade Internacional, e un encontro posterior, cunha sesión de música inclusiva.

Máis alá da celebración da xornada, o obxectivo da entidade de economía social BenCuriosa, impulsora do proxecto, é avanzar nunha liña de investigación e divulgación sobre accesibilidade cultural. 

No futuro inmediato, esta xornada dará paso a unha publicación dixital e aberta que recollerá contidos arredor da planificación e implantación de medidas de accesibilidade, coa vontade de servir de guía, especialmente, no sector cultural.

Como facer máis accesible a cultura?  conta  co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña, a través do seu programa de Proxectos Singulares de Especial Interese Cultural. Precisamente o deputado de Cultura, Xurxo Couto, participará na benvida e presentación da xornada. 

Tamén coa colaboración do Concello da Coruña e de varias entidades sociais, como ONCE-Galicia, a Asociación de Colaboración e Promoción da Persoa Xorda ACOPROS, a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia FAXPG, FADEMGA Plena Inclusión Galicia, a federación Autismo Galicia, a Asociación de Pais  de Persoas con Trastorno do Espectro Autista da provincia da Coruña ASPANAES, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermedade Mental de Galicia FEAFES, o Grupo de Persoas con Discapacidade da Coruña GRUMICO e  a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia ACADAR. 

A xornada conta tamén coa colaboración das principais asociacións sectorias do eido cultural: a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural AGPXC, a Unión de Cooperativas Galega Espazocoop, a asociación galega de empresas de artes escénicas Escena Galega, a Coordinadora Galega de Festivas de Cinema PROXECTA, a Academia Galega do Audiovisual, a Asociación Sindical de Profesionais Técnicos do Espectáculo TESGAL e a Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia (BAMAD Galicia), xunto co Curso de Expert* Universitari* en Xestión e Innovación Cultural da USC.

Profesionais do ámbito cultural e social compartirán coñecementos nunha xornada para avanzar cara unha cultura máis accesible