Cultura

Teatro da Ramboia gaña a Primeira edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais

O proxecto gañador está realizado sobre o texto de Manuel María O meu mundo  non é deste reino ou Farsa de Bululú

A obra gañadora, ademais dunha achega económica, incluirase na programación cultural dos 23 concellos e 3 deputacións que se adheriron ao certame convocado pola Fundación e Casa-Museo Manuel María

Teatro da Ramboia gaña a Primeira edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais
LRM_EXPORT_13184957386896_20181128_154711289
Entrega do premio

A Coruña, 28 de novembro de 2018.-O Teatro Rosalía da Coruña serviu hoxe de escenario para a entrega do premio correspondente ao Certame Manuel María de Proxectos Teatrais convocado pola Fundación e Casa-Museo Manuel María coa colaboración de 23 concellos 3 deputacións, en concreto: A Coruña, Ames, Barbadás, Betanzos, Brión, Cambados, Cambre, Cangas, Carballo, Carral, Cedeira, Culleredo, Malpica, Monforte, Muros, Neda, Oleiros, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Verín, Vimianzo e as Deputacións de A Coruña, Lugo e Pontevedra.

O Xurado estivo integrado polas seguintes persoas:

  • PRESIDENTE: D. Manuel Lourenzo Pérez: actor, dramaturgo, director teatral, tradutor, profesor de interpretación. Premio Nacional de Literatura Dramática (1997).
  • VOCAL: Dª Belén Pichel: Produtora teatral e Presidenta de Escena Galega.
  • VOCAL: D. Francisco Cadaval (“Quico” Cadaval): Actor, director e adaptador teatral.
  • SECRETARIO: D. Alberte Ansede, Secretario da Fundación Manuel María, que actúa con voz mais sen voto.

Este Certame está destinado ás compañías profesionais galegas e premia a mellor proposta escénica dunha obra de Manuel María, co compromiso por parte da compañía gañadora de levalo a cabo no prazo de 10 meses. Por tanto, o proxecto que hoxe se premiou, estrearase en setembro de 2019. Iso supón que o Certame teña carácter bienal de xeito que nunha anualidade se presentan os proxectos e na seguinte se realice a proposta gañadora.

En canto ao premio outorgado adóptase unha fórmula orixinal xa que substancialmente non se premia con diñeiro, senón con representacións que, ao fin, é o que máis desexa unha compañía profesional: chegar ao público. Así, desde a Fundación faise unha achega económica modesta, 2.000 euros, e os concellos e deputacións adheridas comprométense a que a obra gañadora se inclúa na súa programación teatral. O resultado é, nesta edición, que a obra premiada xa parte co importante número de 26 representacións.

Nesta 1ª edición, o Xurado estimou que o mellor proxecto é o presentado por Teatro da Ramboia realizado sobre o texto de Manuel María O meu mundo non é deste reino ou Farsa de Bululú, unha parodia sobre a dictadura franquista. O Xurado destaca entre os valores da obra gañadora o amplo abano de público ao que se dirixe; a diversidade de espazos e ambientes nos que pode ser escenificado e a probada calidade artística do elenco que se propón, tanto na área do teatro actoral como na de monicreques, así como a súa coherencia co universo dramático de Manuel María e, en concreto, coa obra escollida.

O equipo gañador está integrado por María Peinado, Fran Lareu, Anxo García e Germán Gundín. A encargada da entrega do Premio foi Saleta Goy, viúva do escritor e Presidenta da Fundación convocante, estando acompañada dunha nutrida representación das institucións colaboradoras entre as que se atopaban a Vicepresidenta da Deputación da Coruña, o concelleiro de Culturas da Coruña, alcalde de Carral e concelleiros/as de cultura de Ames, Cambados, Cambre, Carballo, Culleredo, Monforte e Oleiros.

Teatro da Ramboia gaña a Primeira edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais