poesía

Teresa Ramiro: "Agardo que a néboa da memoria non pouse en min"

Poderíamos falar longo e tendido sobre Teresa e en múltiples direccións. Eu a coñecín hai xa non sei canto nalgún recital no que tiven a grande sorte de coincidir con ela.
Teresa Ramiro: "Agardo que a néboa da memoria non pouse en min"
Foto Teresa Ramiro
Foto Teresa Ramiro

 A partir de entón serían moitas as veces. Muller, persoa, maravilla. A súa sola mirada basta para dicir, a súa sola presenza basta para sentir. Pero é que ademáis na súa poesía alcanza coas palabras o que as sensacións e os pensamentos que ela transmite, cousa nada doada. Figura clave da poesía galega contemporánea, seguramente non valorada coma se merece, nada amiga dos eloxios e os laureles, fai poesía coma vive, firme e decidida, sútil e esencial, auténtica e pura. Arrebatadoramente veraz e fermosa, rica en matices, pero xusta e precisa. Da igual canto poida dicir, o mellor é que sexa ela mesma quen nos conte, na sua propia voz, sobre a súa vida, a súa poesía e as súas impresións.

En primeiro lugar quixeramos saber sobre os motivos que te levan a escribir, onde nace ese impulso? Dende que idade e por qué motivo escribes?

Tal vez os motivos fosen que sempre fun unha persoa extremadamente tímida, introvertida, insegura, acomplexada (co tempo e moitas circunstancias crueis fun superando todo iso) que precisaba por unha parte, encher un vacío, e por outra baleirarme, e a poesía foi a man que me seguraba con firmeza. As primeiras palabras escritas que lembro son as que habia nuns cartóns grandes cubrindo as vigas da vella casa en que nacín, poñía "Frágil Ripoll" en letras grandes e vermellas eu estaba paralítica e coido que meus pais fòronme aprendendo alí, pois cando comecei na escola, con seis anos pasados, sabia ler e escribir. Debido a esa timidez apenas salía da casa, pasaba o tempo gabeando polas árbores e choutando libre polo monte (a nosa casa era cancela camiño da Revolta, Penaloureira, A Zapateira… todo monte, e sobre todo, pasaba os dias lendo aquelas Folla do Luns que meu pai mercaba para saber dos deportes, A Voz de Galicia que traian "das casas dos señores" cando miña avoa e miña tía ian buscar a roupa pra lavar e a lavadura para os porcos, libros que me daban nesas casas, coñecín a poesía na escola, naqueles Primer Grado, Segundo Grado… Machado, Alberti, Jorge Guillén… e comecei a escribir.

Qué temas tocas na túa poesia? Tes algún tema recurrente ou e algo máis aberto?

Simplemente hilvano palabras e sentimentos que se desprenden do meu interior. 

Qué lugar ocupa a poesía na tua vida? Qué sería de ti se non escribeses?

É unha extensión do meu corpo/mente, podería vivir ser un brazo, sen un pé… pero sempre botaría en falta esa parte do corpo; pois coa poesia seria igual, viviría pero o meu ser estaría sempre incompleto

A poesía todavía sirve como un lugar onde refuxiarse?

A poesía é o alimento que nos permite sobrevivir nese refugio a poesía está en nós e en todo o que nos arrodea. A maioría das veces está aló no fondo, rasgando o noso interior sen atopar o camiño.

Qué outras facetas hay en ti ademáis da de poeta e que te aporta cada una delas?

Gústame moito a fotografía, as paisaxes agrestes, abandonadas pois danme pé a imaxinar a historia que gardan perderme polos montes e gabear polas penedas; camiñar a beira dos ríos e sentar na camposa a escoitar os sons da natureza mentras leo. Gústame a música clásica, o rock, heavy metal, folk… disfruto cociñando sin importarme a cantidade de comensais, podo pasar unha mañán enteira na cociña elaborando diversos pratos a un tempo sen ningún problema. Gústame andar, vou camiñando a maioría dos sitios, pero sobre todo andar cos pés metidos na auga pola beira do mar en calquer época do ano. Cando podo vou a Dexo e camiño a carón do mar, logo séntome nos rochedos fronte a Marola e deixo pasar o tempo embelesada na imensidade da paisaxe, as veces maina, as veces con tanto ímpetu que a albura da súa escuma lambe a camposa. Gústame ser mariscadora, sentir o mar mentras se escorrega entre os dedos, ulilo, o mar nunca ule igual, na beiramar o cheiro que se percibe non é tan intenso como no medio do areal, ou nos fangais. As sensacions que percibo cando traballo non podería describilas, dar volta a area na procura das ameixas e descubrir no medio diversas especies mariñas, como se camuflan, defenden… As diversas especies de aves que se achegan para alimentarse de esas especies que quedaron descubertas ou do marisco que nos vai quedando enriba da area; é un oficio bastante duro, pero a vez e moi gratificante.

Qué traballo ou traballos levas a cabo actualmente?

Traballo como actividade profesional, actualmente estamos inactivas debido ao dragado da Ria do Burgo. Traballo como actividade humana, sempre a tope: a vida, a familia, as causas… Sin a actividade profesional non podería vivir económicamente; sen a humana tampouco, pois é o engranaxe helicoidal que move o meu ser.

Cal é o nome do teu próximo libro e cuando o publicas?

A maxia de saber a mar. Pensaba publicalo o ano que acabamos de deixar atrás, precisaba facer algunhas correcións e quixen darlle outro enfoque, ao final, non fixen nin o un nin o outro, estiven como ausente da escrita (ás veces precísase esa ausencia, as veces ven imposta). Estes días retomeino; espero publicalo en breve.

Te ves escribindo ata o final? Crees que chega un momento no que se acaba o que tes que dicir?

Espero que sí - agardo que a néboa da memoria non pouse en min - sempre haberá sentimentos, emocións que precisen ser plasmados na escrita, sempre imos ter algo que dicir, as persoas, as paisaxes non son as mesmas tódolos dias, hoxe definimos un solpor pero mañán a sua cor será distinta. 

Agardando a publicación do seu novo libro para poder disfrutar dos seus versos e voltar a falar con ela, aquí vos deixamos con este poema de Teresa Ramiro escollido por ela mesma para acompañar esta entrevista:

OLLADAS INVISÍBEIS
a Pilar Silva

O invisible
encóntrase nas olladas
na que sinte a dimension
dunhas mans apretando os estrobos
das marés navegadas
O invisible existe
na ollada que sinte a soidade
encostrada no ollar dos outros
Na ollada que se despe en vida
e clama entre o salitre:
Ven, á beira da miña carne murcha
plantei vida.

Teresa Ramiro: "Agardo que a néboa da memoria non pouse en min"