Literatura
"Todas as linguas son boas, fermosas, necesarias pero distintas”
Luz Pozo Garza recibiu unha nova homenaxe na Academia da que fai parte desde 1950.
![Homenaxe a Luz Pozo na RAG. Fotos Xosé Castro (3)-min](/asset/thumbnail,992,558,center,center/media/entrenosagra/images/2017/07/22/2017072210342859055.png)
"Todas as linguas son boas, fermosas, necesarias pero distintas, porque a través delas interpretamos o mundo, o pensamento. Galicia acolleume con este cariño da Academia e xa son de Rosalía", dixo Luz Pozo onte na sede da RAG onde recibiu unha homenaxe dos académicos polo seu 95 aniversario.
O acto, segundo informa a RAG na súa web, incluíu o recitado de dez poemas da homenaxeada escolmados por outros tantos poetas de distintas xeracións e dun poema inédito elixido polo académico Salvador García-Bodaño. Todos estes textos e os seus comentarios aparecen recollidos no volume Un pozo de luz, coordinado por Olivia Rodríguez. Ademais houbo unha actuación musical a cargo de Patricia Rodríguez Rizo e o Quinteto Cimarrón.
Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922) leva oito décadas creando versos. Dela dixo onte Víctor F. Freixanes, o presidente da RAG, que representa "autenticidade, elegancia e beleza". Autenticidade "polo que conta" na súa poesía, capaz de reflectir os sentimentos que explican a condición do ser humano; elegancia, física e mental, porque Luz Pozo Garza é unha muller intelixente coa que se pode contar, que sabe escoitar aos demais e que o futuro se constrúe entre todos; e beleza pola súa capacidade de expresión e comunicación, que a fai quen de "poñer todo en fermosas palabras nas que ás veces un verso explica o mundo", explicou Freixanes.