CRÓNICA DUNHA REMONTADA IMPROBÁBEL – CAPÍTULO 19

A orde dos magos e o caos

O Dépor queda a dous pasos da permanencia despois de remontar diante da Ponferradina un partido que tivo controlado durante unha hora.
A orde dos magos e o caos
Aketxe. @RCD
Aketxe. @RCD

O fútbol é ortodoxia dentro do caos. Como nos mellores guións da escola de Hollywood, un bo partido precisa de puntos de inflexión nos que o protagonista sufre e goza, levado por unha corrente ingobernábel cara un destino que está escrito... ou que os deuses escriben xogando aos dados.

O partido de onte en Riazor que enfrontou o Dépor coa Ponferradina tivo orde na primeira hora, e sobre todo caos no desenlace... Ese é o xogo de fórmulas matemáticas que tan ben coñece Fernando Vázquez, un dos poucos que está no secreto. 

Cara fóra, o técnico repite que o fútbol é unha suma de acertos e erros que restan, cantidades que desequilibran a balanza segundo o peso, até dar co resultado.

Por dentro, o fútbol é tamén unha ciencia do caos para torcer o azar cara á túa sardiña. Mais para "comer" a sardiña precisas un elemento de orde. Onte foi Aketxe, un dez.

O Dépor xogou a mellor primeira metade desde que se retomou a competición. Xogou cómodo porque o rival non molestou demasiado. David Simón puido recorrer a banda, conectar con Aketxe e alcanzar a liña de fondo para colgar un balón tras outro á área rival.

O Dépor xogaba fácil e ben. Todos no seu papel. Moi ordenado. Faltou o gol. 

O partido estaba onde quería o Dépor, que malia chantarse cun 5-4-1, tivo o balón e percutiu constantemente con Aketxe no eixo abrindo carreiros para Mollejo, Vicente e Simón. 

Aketxe luciu como dez. Fixo xogadas dignas dos mellores mediocampistas da historia do Dépor, iluminado por esas luces que acompañan de cando en cando aos xenios. Por iso o partido, unha boa película hollywoodense, un relato de heroes que se sobre-poñen a todas as adversidades, estaba destinado para el. A orde dentro do caos. O partido empezou e rematou en Aketxe, por iso gañou o Dépor. Pero para chegar aí... cantas voltas!

O Dépor xogou a mellor primeira metade desde que se retomou a competición. Xogou cómodo porque o rival non molestou demasiado.

Puntos de inflexión

O primeiro punto de inflexión chegou cun remate franco de Mollejo no segundo pau. Tivo que ser gol. Non foi. O Dépor dominaba a Ponferradina. Chegaba fácil. Remataba a gol (o primeiro Mollejo, despois Beauvue, despois Aketxe de falta directa...). Paciencia. Chegará, pensaban... e tivo que chegar aí, no minuto 26. Non sucedeu. Estaba escrito.

Pero ninguén se inquietou. A tarde era plácida, o fútbol branquiazul fluía, o rival seguía adormecido. Orde e talento. Bergantiños e Uche gobernando o deserto sen suar. Aketxe tocando samba. 

No descanso o Dépor perdeu tensión e a Ponferradina sacudiuse o letargo e axitouse. 

O partido empezou e rematou en Aketxe, por iso gañou o Dépor. Pero para chegar aí... cantas voltas!

Segundo punto de inflexión. Os visitantes adiantaron a presión a campo contrario. Máis vivos, pecharon ao Dépor na sombra a base de atar en curto a Simón e Mollejo e cortar as canles con Aketxe. O Dépor mantivo a orde pero con iso non foi suficiente. Durante dez minutos os locais estiveron contra as cordas até que recibiron un golpe que os enviou a lona.

Todo pasou tan rápido que a Fernando Vázquez non lle deu tempo a limpar as gafas.

O gol foi un efecto de guión, unha proba que colocan os deuses, pero tamén estaba no saco dos contratempos previstos polo técnico branquiazul, fiel á estatística, que di que se defendes baixo a balón parado encaixas menos... pero encaixas. Caos baixo control, pero con iso non era suficiente.

O terceiro punto de inflexión tivo lugar xusto despois. No minuto 61. Cando o heroe se levanta, os deuses apiadáronse del... 

Vázquez introduciu o caos no partido. Un cambio táctico para recuperar a orde que tiña pensado para levantar o 0-0 converteuse nunha inesperada arma para sementar o caos e confiar a súa sorte aos deuses... agochando a carta de Aketxe. Todo está escrito.

Os cinco cambios son unha bendición, amplían o abano de tácticas... na mesma proporción que a posibilidade de reparar erros ou de cometelos. Vázquez colocou a Santos na área e a Çolak na sala de máquinas cunha intención concreta: meter balóns na área para meter o medo no corpo do rival. O primeiro non o conseguiu. Nin cando apostou por Sabin, porque o problema non estaba aí. Pero a intención, o ruxido do león, foi suficiente para amedrentar a Ponferradina.

Vázquez introduciu o caos no partido. Un cambio táctico para recuperar a orde que tiña pensado para levantar o 0-0 converteuse nunha inesperada arma para sementar o caos.

O cuarto punto de inflexión foi cando Vázquez limpou as gafas, deu dúas voltas sobre si mesmo e decidiu corrixir sobre o corrixido. Nin Santos nin Çolak cumpriron, fundamentalmente por culpa de Çolak, que non entendeu o partido e escureceu a Aketxe, o dos pés máxicos... o verdadeiro heroe do filme. 

Vázquez sentou Uche e deulle galóns no medio do campo a Borja, que acelerou o caos a base de orde. Unha solución intelixente.

Estaba escrito

Apenas atacou con máis atención, o Dépor perfilouse de fronte e empurrou a Ponferradina contra a súa área. E xa se sabe que cando o partido está na área, os dados deciden... Vázquez tiña o partido onde podía levalo el. Os deuses botaron man da cabeza de Trigueros para escribir a penúltima liña. Gol en propia meta. Empate. O heroe estaba en pé. Vencera as adversidades, a si mesmo... unha vitoria moral.

Pero Hollywood esixe máis. Os seus guións sempre teñen unha última volta. 

E estaba Aketxe no campo. Outro regate na senda dos máxicos branquiazuis. Se antes foi Djalminha, acabou sendo Fran. Un luxo de Aketxe colocou o balón no bordo da liña de gol. Anotou Çolak, que quixo redimirse, volveu á mesma grada que no seu primeiro gol nesta liga, subiu ás bancadas e aplaudiu aos seus. Foi un final con burbullas para unha vitoria completa.

Este é un relato plausíbel, pero o que realmente pasou non o entenderemos nunca. Está no secreto das botas de Aketxe e na cociña de Vázquez.

A ficha do partido

Comentarios
A orde dos magos e o caos