CGT | nota de prensa

Concentración pola derrogación das reformas laborais

A CGT da Coruña convoca á súa afiliación, simpatizantes e cidadanía en xeral a unha concentración que terá lugar o martes, 6 de xullo, ás 19:30 horas, no Obelisco da Coruña baixo o lema «Pola xustiza social. As persoas antes que o capital».
Concentración pola derrogación das reformas laborais
cartaz
cartaz

A situación da clase traballadora e insostible: catro millóns de persoas no paro e o resto sometidas a horarios interminables, salarios de miseria, contratos precarios, colas da fame, expulsadas das súas vivendas e condenadas a unha existencia moi pouco merecente de ser vivida.

Millóns de horas extraordinarias, pagadas e sen pagar, que servirían para crear centos de miles de postos de traballo. Xornadas de traballo legais que non se reducen desde hai 40 anos. Unhas xubilacións cuns requisitos cada vez máis duros non só para ter dereito a elas, senón tamén cunha idade de xubilación máis tardía e uns sistemas de cálculo pensados só para reducir o seu importe. Mentres milleiros de xoves agardan por un posto de traballo, outros prolongan a súa vida laboral ata que non poden máis e pasan directamente do posto de traballo ás portas da morte. Por todo isto reclamamos traballar menos: menos horas, sen horas extraordinarias e cunha idade de xubilación máis temperá. Traballar menos, para traballar todas e todos.

Temos un salario mínimo de miseria, do que dependen millóns de traballadores e traballadoras, e este ano aínda non subiu. As diferencias salariais son enormes, sen ningunha equidade. Os salarios non cobren, en moitos casos, os gastos mínimos para ter unha vida digna de ser vivida. Os ricos son cada vez máis ricos e continúan enriquecéndose durante esta pandemia. É unha cuestión de xustiza que os traballadores e traballadoras poidan sufragar co seu salario os gastos de vivenda, alimentación, enerxía, abrigo, cultura e ocio sen estar afogados día tras día, mes tras mes. Por todo isto reclamamos un salario mínimo digno e suficiente, o peche dos abanos salariais e a repartición da riqueza equitativamente. En definitiva: estamos polo reparto da riqueza e do traballo.

Por iso non é suficiente a derrogación da reforma laboral de Rajoy. Esta reforma foi nefasta, pero é que é nefasta a xeneralidade da lexislación laboral: contratas, subcontratas e ETT; contratación temporal á carta; despedimentos libres a gusto do empresariado; accidentes de traballo disparados; subsidios de desemprego miserentos e todo tipo de falcatruadas consentidas legalmente por este sistema inicuo e inxusto en beneficio dunha minoría cobizosa e insaciable. Por isto reclamamos a xustiza social, un sistema social xusto no que a clase obreira, a creadora da riqueza, teña o recoñecemento que merece e deixe de padecer esta vida cativa e ruín. Porque humanamente é insostible este sistema que pon o capital por riba das persoas. Porque hai que desmontar toda a lexislación actual e non conformarse coa maquillaxe que poidan supoñer unhas simples modificacións e derrogacións.

Traballar menos para traballar todas e todos
Polo reparto da riqueza e do traballo
As persoas antes que o capital
Pola xustiza social

Concentración pola derrogación das reformas laborais