Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica organiza este xoves unha charla aberta sobre o mercado eléctrico co experto Andrés Breijo

Será ás 19.30h, no seu local da Praza do Humor, con aforo limitado e reserva de prazas. Tamén poderá seguirse a través da súa canle de Youtube

A Marea Atlántica organiza este xoves unha charla aberta sobre o mercado eléctrico co experto Andrés Breijo
CharlaEléctrica
Charla Eléctrica

Axudará a entender as bases do recibo da luz, as distintas tarifas dispoñibles, e os motivos polos que o prezo da enerxía se disparou ata un 40% nas últimas semanas

A Marea Atlántica organizará este xoves, 16 de setembro, unha charla aberta sobre os segredos do mercado eléctrico español, impartida polo experto en tarifas eléctricas Andrés Breijo. Será ás 19.30 horas, no noso local do número 1 da Praza do Ovos (Praza do Humor). O acceso é gratuíto, pero require inscribirse no correo [email protected], para o control de aforo segundo as normas sanitarias. Ademais, emitirase en directo a través da nosa canle de Youtube.

A charla, organizada pola Oficina dos Dereitos da Marea Atlántica, dentro do noso ciclo de Conversas de Xanela a Xanela, centrarase en explicar o opaco funcionamento do mercado eléctrico. Andrés Breijó explicará como ler o recibo da luz para que calquera persoa poida entender os datos básicos, e falará das diferentes tarifas dispoñibles. Tamén se detallarán os requirimentos para acceder ao bono social. Ao remate, haberá unha quenda para as preguntas do público.

Desde xeito, e desde unha perspectiva práctica, analizaremos a lexislación eléctrica do Estado e os seus puntos escuros, que motivan a constante e desmedida suba de prezos dos últimos anos. Cunha normativa feita a medida das grandes empresas, ocorren cousas como que a factura se dispare un 40% só no mes de agosto, deixando en nada a medida de redución do IVE que aplicou o goberno central.

A enerxía é un ben de primeira necesidade sobre o que non se deberían consentir practicas especulativas, que teñen un impacto moi negativo nos fogares, no mundo do traballo e no medio ambiente.

Con este modelo só gañan as grandes empresas eléctricas. Por iso, reclamamos un cambio na lexislación, pero os concellos tamén poden facer a súa parte, coa creación de empresas eléctricas públicas coma as que existen en Barcelona e Cádiz. Por iso, reclamamos a creación de Coruña Enerxía, unha aposta incluída no acordo de investidura de Inés Rey, que podería darlles servizo aos fogares con menos recursos. E que podería facelo con enerxía 100% renovable.

Comentarios
A Marea Atlántica organiza este xoves unha charla aberta sobre o mercado eléctrico co experto Andrés Breijo