CRÓNICA DUNHA REMONTADA IMPROBÁBEL – CAPÍTULO 10

Proba de fe

O Lugo empata en Riazor e devolve o deportivismo á crúa realidade da loita pola permanencia na que nada está escrito e só o sufrimento é seguro.
Proba de fe
Prolegómenos do Dépor-Lugo. Foto: @RCD
Prolegómenos do Dépor-Lugo. Foto: @RCD

Despois da derrota en Zaragoza e o empate en Riazor co Lugo chega a primeira semana crítica da etapa Fernando Vázquez. 

Será unha semana de mal tempo en todo o país, volve o frío, os adestramentos incómodos, as dúbidas que empurran para manifestarse e tomar o control da situación; é dicir, crear o descontrol.

A realidade é tan teimuda como a liga e as maldicións bíblicas sobre os mortais que se atreven a soñar con glorias divinas. A supervivencia esixe sangue, suor e lágrimas. Niso FV, que viña sendo un optimista impenitente ao estilo Luther King, terá que virar cara o discurso do sacrificio, en plan Winston Churchill. Resiste Dépor resiste!

Non por nada utilizamos esta consigna como #hashtag desde o principio da serie: para lembrarnos, nos peores momentos, de onde vimos e cal era a misión encomendada a Vázquez, o dos pés lixeiros, favorito dos deuses, sempre celosos por manter a distancias.

A viaxe de Vázquez, heroe quizais demasiado consciente do seu camiño (como se estiver escrito), consiste en devolver o Dépor a Primeira.

Aos seareiros, en semanas como a que vén, o que se lles pide é unha proba de fe. Coro obediente, temeroso dos deuses, mais sempre de parte do heroe que nos libere desta realidade miserábel. 

Sen gol

Por vez primeira en nove partidos, o Dépor de FV non marcou. E, sen gol, o máximo rédito é un punto. Agora mesmo, segundo as contas do adestrador, non chegaría con iso. 

O Lugo botou as súas propias contas, e nelas, os empates (con rivais directos e fóra da casa) parece que contan. O Lugo xogou a non perder, que non é exactamente o que vén xogando o Dépor, aínda que este domingo, por momentos, pareceu que si.

Empeza haber medo a perder despois de dous meses no que o non ter nada que perder foi un resorte poderoso para futbolistas, afeccionados e medios afíns? 

Nos tres enunciados anteriores condensamos a análise (en branquiazul) do partido deste domingo en Riazor: o Dépor non ten gol, o Dépor topouse cun rival que se centrou en evitar encaixar un gol, e no Dépor, despois do arrebato de xaneiro, a prudencia volve ser un argumento.

Dep 5

O sistema condiciona

Se os dous resultados anteriores se explicaron aquí desde a defensa, o empate diante do Lugo, conviría explicado desde o ataque. O Dépor probou a defender máis arriba para despregarse rápido tras cada recuperación. Mais o Lugo respondeu cunha defensa tamén adiantada que reduciu o terreo de xogo a 30 metros no medio campo. O Dépor foi directo e impreciso nas combinacións. Volveu depender do balón parado e dos disparos de Aketxe, sen posibilidade de servir algún balón a Merino dentro da área. 

As carencias na ofensiva fixéronse evidentes desde o centro do campo, onde Bergantiños e Vicente marcaron un compás lento. Çolak e Aketxe esforzáronse por aparecer entre as liñas rivais, pero as máis das veces para definir eles, ben atado como estaba Merino. Os laterais, Mollejo e Eneko, traballaron arreo para pisar área, conseguírono, pero sempre cun defensa enriba. O Lugo desactivou a Merino, desactivou as bandas e levantou pouco a pouco un muro que terminou por empurrar contra o Dépor. 

FV explicou despois que o equipo acusou un baixón físico no tramo final do partido. O certo é que o Dépor traballou co mesmo empeño de sempre, pero sen gol os partidos fanse costa arriba. Non acertou Vázquez a corrixir o defecto, tardou en facer os cambios, dixo que foi porque mover determinados xogadores violentaba o sistema, e o sistema defensivo era o que funcionaba cando se produciu o baixón e o Dépor perdeu o control do partido.

Foi unha proba de fe no sistema. Unha lección de prudencia. Si, o empate non vale; pero a derrota tería sido peor nun día en que era imposíbel gañar porque faltaba o gol.

Só son bos os adestradores que gañan?, preguntaba FV hai unhas semanas, cando gañaba e gañaba. A resposta que deu a pregunta [ver capítulo 6 desta crónica dunha remontada improbábel] vale de guía espiritual para esta semana.

Violentar o sistema

Vázquez xa avisou de que a evolución da competición esixiría, nun momento preciso, evolucionar o sistema de xogo. O momento estará marcado tanto polo grado de consistencia que mostre o equipo na faceta defensiva (condición) como pola necesidade de exhibir un novo repertorio ofensivo toda vez que os rivais non tardarán en asimilar o limitado catálogo inicial (obriga). 

Pode que o momento teña chegado.

En La Romareda, a semana anterior, e onte en Riazor, o adestrador fixo intentos. Fracasou nos dous casos tendo en conta o resultado. 

A semana vén incómoda. Mais rematará cun partido na calor de Almería, contra un equipo que esixirá o máximo deste Dépor que, malia non ter gol, resulta temíbel para calquera rival.

O fútbol, ás veces, tamén é cuestión de fe digan o que digan os números, que, por outra banda, teñen moito menos sentido ca fe. 


A ficha do partido
 

#ResisteDéporResiste
 

Comentarios
Proba de fe