CRÓNICA DUNHA REMONTADA IMPROBÁBEL – CAPÍTULO 23

(sen palabras)

(sen palabras)
DeporEXTREM2
@RCD

A tarde de máis calor na Coruña, cun Riazor espido como sucede por culpa do virus, o Dépor ía fechar esta estraña tempada cun partido cómodo diante do Extremadura que chegaba xa descendido e sen moito máis que facer que cubrir a acta. 

A acta comezou a escribirse no minuto 4 cando David Simón rematou de cabeza un centro de Mollejo. O balón tocou no pau e acabou na rede sen que nin a defensa nin o porteiro rivais moveran un dedo porque aínda estaban empezando a estirar...

Todo o que veu a continuación foi un pesadelo. 

O Dépor foi incapaz de gobernar o medio campo. Gaku, Borja e Aketxe non foron quen de fiar o xogo. Mollejo pechou os ollos. A defensa deu en sufrir os males do partido anterior: erros, imprecisións... até que apareceron os nervios, e canto máis cansos (será ese o problema?...), máis erros. Sabin viviu o seu propio partido, como é costume, pero desta sen fe. Vázquez, desterrado na grada (será ese o problema?...), advertiu rápido o esfarelamento do plan. Pero non moveu o cesto. Pensou que cunha reprimenda na pausa para hidratación bastaría. Mais o Dépor non reaccionou e o partido alcanzou o descanso co Extremadura dominando por deserción do equipo local. 

O que dixo Vázquez no vestiario, o que puideron dicir os capitáns, as ganas que teñen todos de rematar canto antes con este molesto trámite de gañar un partido e marchar de vacacións... ningún dos incentivos dos que botar man nunha tarde de calor nun estadio baleiro e cun adversario teoricamente entregado antes de empezar, nada serviu para que o Dépor reaccionase no arranque do segundo tempo. Nin sequera Çolak, disposto a activar o medio campo e sacar a Sabin da apatía. O Dépor quixo, pero non se empregou coa determinación suficiente (será ese o problema?...)

Cando o Extremadura empatou case sen querer, cun Giménez que non chegou a un balón pasado a saque de esquina (andará canso, será iso?...), saltaron as alarmas. Vázquez refrescou o ataque e espiu a defensa. Despois, espiu de todo a defensa e cargou situando a Santos e Beauveu na área e Mollejo, Çolak, Aketxe e Vallejo empurrando desde a segunda liña.  O Dépor quixo, pero xa non podía...

O Extremadura marcou á contra. Santos conseguiu empatar, mais de inmediato resolveu Óscar. O desenlace en oitos minutos nos que o Dépor loitaba máis contra si mesmo, contra o pánico a non gañar que contra o rival e unha tarde de pesadelo.

Na rolda de prensa posterior o partido, Fernando Vázquez dixo que non sabía se chorar ou berrar de rabia... os seareiros estaban facendo algunha das dúas cousas. O adestrador e a afeción quedaron sen palabras. Só un lamento. (...) 

A ficha do partido

(sen palabras)