Acampa pola paz e o dereito a refuxio

Acampa pola paz participa mañá no acto de amnistía internacional na coruña, centrado na situación que sofren seis activistas de distintos lugares do mundo

No acto, promovido por AI con motivo do 73 aniversario (10 de decembro) da Declaración Universal de Dereitos Humanos, a Rede Acampa exporá a persecución contra a moza activista palestina Janna Jihad e contra o líder indíxena guatemalteco Bernardo Caal 
Acampa pola paz participa mañá no acto de amnistía internacional na coruña, centrado na situación que sofren seis activistas de distintos lugares do mundo
JANNA-JIHAD_300
JANNA-JIHAD_300

Janna Jihad é unha adolescente de só 15 anos, acosada por denunciar a violencia de Israel contra os habitantes dos territorios palestinos ocupados e Bernardo Caal é un activista indíxena maya encarcerado en Guatemala pola súa oposición á creación de centrais hidroeléctricas no río sacro da súa comunidade. Ademais destas dúas persoas outros relatores expoñerán tamén a situación do activista nixeriano Imoleayo Michael, encerrado nunha cela subterránea por protestar contra a violencia policial; a mexicana Wendy Galarza, ferida de bala cando protestaba pola violencia contra as mulleres; Mohamed Baker (Exipto), encerrado por defender a liberdade e a xornalista chinesa Zhang Zhan, encarcerada por informar da COVID-19. O acto “Palabras e música para defender os Dereitos Humanos”, será a partir das 20 horas, no Círculo de Artesáns (San Andrés, 36). 

A Coruña, 9 de decembro 2021.- A Rede Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio participará no acto que mañá venres celebrará Amnistía Internacional (AI) na Coruña para conmemorar o 73 aniversario da Declaración Universal de Dereitos Humanos (10 de decembro). Será a encargada de expoñer o caso e a situación de dúas das seis persoas de distintas partes do mundo cuxos dereitos están a ser conculcados e que foron escollidos pola organización internacional para visibilizar a vulneración dos preceptos da Declaración máis de sete décadas despois da súa aprobación. As persoas concretas cuxa situación expoñerá Acampa son a moza activista palestina, de só 15 anos, Janna Jihad, acosada por enfrontar e denunciar a violencia de Israel contra o seu pobo nos territorios ocupados e o líder indíxena maya guatemalteco, Bernardo Caal, en prisión por opoñerse á instalación dunha empresa hidroeléctrica, promovida por unha gran empresa española no río sacro da súa comunidade. O acto desenvolverase baixo a definición de “palabras e música para defender os Dereitos Humanos” e será a partir das 20 horas, no local do Círculo de Artesáns, no número 36 da rúa San Andrés. A música poñerana Frankie Lafuente, Sapoconcho e Xosé Taboada

Janna Jihad vive na Cisxordania ocupada. A pesar da súa curta idade é unha icona mundial da loita do pobo palestino contra a violencia do exército israelí e a ocupación dos seus territorio. Cando tiña sete anos presenciou como as forzas armadas israelís mataban o seu tío. Janna usou o teléfono da súa nai para gravar e revelar ao mundo a brutalidade que sofre a súa comunidade. Desde entón xa non deixou de facelo. Por iso, aos 13 anos foi recoñecida como unha das xornalistas máis novas do mundo, que documentaba o trato opresivo e a miúdo letal inflixido polo exército israelí á poboación palestina. Polo seu activismo e xornalismo, Janna Jihad está no punto de mira de Israel. A adolescente palestina sofre un acoso constante e recibe frecuentes ameazas de morte. 

Bernardo Caal e a súa comunidade protestaron cando unha empresa autorizada polo goberno represó o seu río sacro, o Cahabón, en territorio maya q' eqchi, para a construción de dúas centrais hidroeléctricas por parte da empresa española COBRA (ACS), de Florentino Pérez. Despois de reiteradas acusacións infundadas, en 2018, este mestre e defensor ambiental foi declarado culpable sen ningunha proba e condenado a máis de sete anos de prisión. O encarceramento do líder indíxena ten unha intención clara: disuadir ás comunidades de opoñerse ao espolio dos seus territorios e recursos. 29.000 persoas indíxenas mayas guatemaltecas sofren o saqueo das augas do seu río, ademais de sagrado, base da súa subsistencia. 

Os outros catro activistas cuxa historia de acoso e persecución escoitaranse neste acto son as de o nixeriano Imoleayo Michael, encerrado nunha cela subterránea por protestar contra a violencia policial; a mexicana Wendy Galarza, ferida de bala cando protestaba pola violencia contra as mulleres; Mohamed Baker (Exipto), encerrado por defender a liberdade e a xornalista chinesa Zhang Zhan, encarcerada por informar da COVID-19. 

Comentarios
Acampa pola paz participa mañá no acto de amnistía internacional na coruña, centrado na situación que sofren seis activistas de distintos lugares do mundo