Memoria Histórica

Un chamamento a superar o activismo de homenaxes na promoción da Memoria

Na Aula de Náutica da Universidade comezou onte o curso de verán sobre Memoria Histórica e Educación. O alcalde abriu o roteiro pola tarde cun discurso no Campo da Rata.

Un chamamento a superar o activismo de homenaxes na promoción da Memoria
Roteiro da Memoria no Campo da Rata durante o curso de verán sobre a Memoria Histórica
Roteiro da Memoria no Campo da Rata durante o curso de verán sobre a Memoria Histórica.

“Cando hai algo que é recordar, sempre hai alguén que quere que se esqueza”, dixo Xoán Carlos Garrido, da Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), na súa presentación onte na terceira edición do curso de verán Ciencias Sociais, Educación e Sociedade: Memoria histórica e cidadanía democrática, que comezou pola mañá na Aula de Náutica da UDC, e no que colabora a CRMH xunto co Instituto Galego de Historia e Murguía Revista Galega de Historia, a propia IGM, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a Fundación Alexandre Bóveda.

Xoán Carlos Garrido e Uxío Breogán Diéguez-min

Garrido fixo un repaso do que foi o activismo en prol da Memoria Histórica no país subliñando a relevancia do traballo feito desde o nacionalismo, que exemplificou na recuperación das figuras de Alexandre Bóveda e Moncho Reboiras e nas iniciativas levadas adiante desde os concellos.  O relevante da intervención de Garrido é que puxo de manifesto esa tensión entre o recordo e o esquecemento, unha loita política que transitou desde a obstrución de calquera reivindicación da memoria das vítimas –mesmo até a represión utilizando o aparato xudicial- até a súa institucionalización despois da derrota de Fraga –co seu simbolismo desde o punto de vista da memoria- e a aprobación no Estado da Lei da Memoria. “Desde o prohibido recordar até a eclosión a partir daquel congreso en Narón no 2003, o que se conseguiu foi mover un tanto o marco no que nos podiamos mover. Popularizouse a memoria, pero a tempo que se establecían certos límites. Como por exemplo na celebración aquel mesmo ano do 25 aniversario da Constitución. Ningunha das vítimas o tiña sido por esa Constitución”.

Entre os asistentes, o deputado Luís Bará (BNG) incidiu no papel do nacionalismo conseguindo que outras forzas de esquerda se viran socialmente obrigadas a traballar pola recuperación da memoria. Pola súa parte, o historiador Uxío-Breogán Diéguez, organizador do curso, referiuse a esa tensión entre prohibición e promoción da memoria e convidou ao activismo a “saír desa homenaxe constante”, a superar (sen abandonalo)  ese modo de intervención social, non só porque “por ese camiño o memorialismo, avellentado, acabará co último mohicano memorialista” senón tamén porque cómpre tomar outras iniciativas e subliñar que “os tempos actuais son produto do que sucedeu no Estado entre 1936 e 1976”.

Fernando Souto. Presidente da CRMH

No programa estaba o roteiro da des-memoria. Intervención social festiva, que se fixo pola tarde, cando parou a chuvia, e comezou no Campo da Rata, diante do memorial restaurado, coa intervención do alcalde, Xulio Ferreiro, que recordou que a memoria volveuse a institucionalizar na cidade, cambiando o nome das rúas e recuperando o vello cárcere (está por ver que papel xogará a memoria nese espazo cedido ao Concello por dous anos).  Alí estivo o memorialismo. Os de sempre –con Vali, tamén, o autor do Memorial Xermolos­–. Suso Díaz que volveu visitar o cárcere, ou os familiares de Amador Domínguez Paz. Os de sempre e algún máis grazas ao curso, segundo a organización, o máis concorrido dos dezaoito que se celebran este verán na UDC. O activismo precisa renovarse mentres muda de estratexia, quedou anotado onte nos debates. E diso falarase na mesa desta tarde, coas representantes da A.C. Alexandre Bóveda, da IGM e da CRMH.


 

Un chamamento a superar o activismo de homenaxes na promoción da Memoria