As 62 persoas máis ricas do mundo acaparan os mesmos recursos que 3.500 millóns de persoas

Máis de 400 ONGD demandan a recuperación da política pública de cooperación aos gobernos autonómicos

A Rede de Coordinadoras Autonómicas, que agrupa máis de 400 ONG de Desenvolvemento e 17 plataformas territoriais, pediu hoxe aos representantes dos gobernos autonómicos reunidos en Santiago de Compostela no IX Encontro de Comunidades Autónomas e Cooperación para o Desenvolvemento a recuperación da política pública de cooperación tanto no Estado como nas comunidades autónomas. 

Máis de 400 ONGD demandan a recuperación da política pública de cooperación aos gobernos autonómicos
EncontroAutonomicas2
EncontroAutonomicas2

Fuente: Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento | 14/07/2016

As ONGD fan un chamamento aos gobernos a recuperar a cooperación ao desenvolvemento como política pública e social á marxe das loitas partidistas como ferramenta para afianzar a solidariedade internacional e acabar coas desigualdades. Hoxe, as 62 persoas máis ricas do mundo acaparan os mesmos recursos que 3.500 millóns de persoas e estamos a vivir o segundo maior movemento de desprazamentos forzosos da historia,despois da Segunda Guerra Mundial, con 65 millóns de persoas refuxiadas no mundo.

A Rede de Coordinadoras Autonómicas instou aos responsables de cooperación dos 17 gobernos autonómicos a promover unha folla de ruta para aumentar o orzamento de Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD) da cooperación española que,entre 2010 e 2015, recortouse case un 70%, pasando do 0,46% do orzamento ao 0,13%. A proposta da Rede pasa por chegar ata a cifra do0,4% do orzamento para o ano 2020 e o 0,7% para o 2024. 

A demanda de aumentar os orzamentos non só se quedou no ámbito estatal. Estendeuse tamén ao ámbito autonómico porque, salvo Euskadi, Extremadura e Andalucía, as comunidades autónomas dedican menos do 0,16% do orzamento a cooperación.En Galicia, os orzamentos dedicados á loita contra a pobreza global e as desigualdades sufriu dende 2009 un recorte do 65% e hoxe, o goberno galego ocupa o posto 11 de 17 en esforzo orzamentario dedicando o 0,04% do orzamento, unha cifra nas antípodas do 0,7% comprometido por todos os partidos políticos no Pacto Galego contra a Pobreza. 

A Rede tamén presentou unha serie de recomendacións dirixidas aos responsables políticos da cooperación autonómica:

  • Dotar á Acción Humanitaria de recursos suficientes nun contexto internacional no que a cantidade de desastres aumenta non só en número senón tamén en virulencia, onde persisten máis de 30 conflitos armados, moitos deles esquecidos.
  • Dar unha resposta adecuada á crise de persoas refuxiadas respectando a legalidade internacional e buscando solucións a longo prazo.
  • Fomentar a coordinación das políticas de cooperación dos actores locais e autonómicos coas do Ministerios de Asuntos Exteriores e Cooperación (MAEC), especialmente en materia de Acción Humanitaria. Así mesmo mellorar as capacidades técnicas e mecanismos de xestión, dos órganos encargados da política de cooperación, dotalos de competencias políticas, recursos económicos, medios técnicos suficientes e adecuados, así como de mecanismos de transparencia e rendición de contas.
  • Impulsar a defensa dos dereitos das mulleres e da equidade e igualdade de xénero no Estado español e no mundo para combater a feminización da pobreza.
  • Impulsar a Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global co obxecto de promover unha sociedade implicada coa xustiza social e ambiental, e a defensa, promoción e respecto dos dereitos humanos.
  • Derogar a Lei 27/2013 de racionalización e sostenibilidade da Administración Local que dificulta que as administracións municipais poidan garantir o pleno exercicio dos dereitos a todas as persoas, o fortalecemento da democracia desde o nivel local mediante a transparencia e a participación cidadá, poñendo trabas ao gasto social e de cooperación internacional das administracións locais.
  • Promover o establecemento de cláusulas sociais e ambientais na contratación pública e a definición de criterios de Compra Pública Ética, entre outros. Así mesmo, incorporar na definición de todas as políticas públicas, en especial as de alcance internacional, o enfoque de coherencia co desenvolvemento sostible.
  • Respectar e favorecer a participación real, equitativa e efectiva da sociedade no deseño, implementación, seguimento e rendición de contas da política de Cooperación

Máis de 400 ONGD demandan a recuperación da política pública de cooperación aos gobernos autonómicos