Concentración diante do Mercado das Conchiñas

O persoal de Correos da Agra da Coruña mobilízase para esixir reforzos na unidade de reparto

O persoal realizará este venres unha concentración diante do mercado das Conchiñas, denunciando a falta de persoal e os retrasos na correspondencia.
O persoal de Correos da Agra da Coruña mobilízase para esixir reforzos na unidade de reparto

Este venres, 27 de decembro, ás 11:00 da mañá, o persoal de Correos da unidade de reparto da Agra da Coruña concentrarase diante do mercado das Conchiñas. A protesta enmárcase na terceira xornada de folga convocada para esixir a contratación urxente de reforzos. Durante a concentración, tamén se repartirán materiais informativos entre a veciñanza para dar a coñecer a súa situación.

As mobilizacións están apoiadas por dúas convocatorias de folga promovidas polos sindicatos CGT e CCOO, que coinciden tanto nas datas como nos obxectivos. Segundo denuncian os traballadores, a falta de persoal está causando graves retrasos na entrega da correspondencia nas zonas da Agra, Os Rosais, Ventorrillo e Labañou. Ademais, acusan a Correos de aplicar medidas anti-folga como o desvío de carga de traballo a outras unidades ou a substitución irregular do persoal encargado de trasladar o material.

Esta problemática vén agudizándose desde hai meses. A unidade de reparto, en plena campaña de paquetería, conta unicamente con 10 traballadores para cubrir 22 seccións, xa que Correos négase a cubrir tanto as vacantes estruturais como as ausencias temporais por baixas ou permisos.

A carencia de persoal provoca unha sobrecarga de traballo que está a ter repercusións na saúde do persoal. Segundo sinalan os representantes sindicais, dúas persoas están actualmente de baixa por problemas articulares derivados da acumulación de tarefas e o aumento das rutas asignadas.

Con esta nova xornada de folga, o persoal de Correos pretende visibilizar unha situación que consideran insostible e reclamar unha solución inmediata para garantir tanto as condicións laborais como un servizo postal eficiente para os veciños e veciñas da Coruña.

O persoal de Correos da Agra da Coruña mobilízase para esixir reforzos na unidade de reparto