Recorda a obriga de “traballar contra o racismo e a prol da igualdade de oportunidades”

Rocío Fraga solicita o peche do Centros de Internamento de Persoas Extranxeiras

Ante os incidentes ocorridos no CIE de Madrid, a concelleira de Igualdade volve solicitar ao Goberno central que inicie un proceso para desmantelar estes “espazos de privación de liberdade”, ao igual que insta á Xunta de Galicia a realizar esta demanda

Rocío Fraga solicita o peche do Centros de Internamento de Persoas Extranxeiras
Polo peche dos CIEs
Polo peche dos CIEs

Fonte: Concello da Coruña | 19/10/2016

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, volveu a solicitar hoxe de forma pública o peche dos denominados Centros de Internamento de Extranxeitos (CIE´s) que hai no Estado español. Á vista dos incidentes acaecidos a pasada noite en Madrid, a responsable municipal reiterou que "é impensable que, a día de hoxe, haxa persoas que están privadas de liberdade non por ter cometido ningún tipo de delito, senón simplemente por presentar unha situación administrativa irregular". Fraga recordou que o grupo de Goberno presentou o pasado ano --a petición do Foro Galego da Inmigración-- unha moción ante o Pleno municipal que saíu aprobada e na que se instaba á Xunta de Galicia a solicitar ao Goberno central, como administración con competencias, a proceder á paralización destes espazos, así como cesar as denominadas deportacións exprés.

"A obriga das institucións públicas é traballar en contra do racismo e a prol da igualdade de oportunidades", indicou Fraga, quen manifestou que "o Concello da Coruña traballará sempre na defensa destes principios". "Os concellos temos que garantir os dereitos e liberdades de toda a cidadanía, grupo no que que se atopan tamén as persoas estranxeira. Teñan ou non situación regularizada, son os e as nosas veciñas", indicou, á vez que recordou as medidas postas en marcha, por exemplo, na propia Renda Social Municipal para poder prestar servizo a este colectivo, así como a mesa de traballo organizada co colectivo manteiro para tratar, precisamente, de favorecer a regulación da súa situación. Ao fío, saudou a iniciativa de concelleiros e concelleiras madrileñas que trataron de levar a cabo un labor de mediación ante a situación xerada no centro de internamento de Aluche a pasada noite. "É o Goberno central quen ten as competencia neste tema, pero a nosa obriga é e será sempre defender aos nosos veciños e veciñas", explicou. "O acaído sería que o resto de institucións nos desen facilidades, pero non está a ser así", apostilou.

"O acontecido en Madrid é un reflexo claro de que os CIE non funcionan", insistiu Fraga, quen quixo amosar a súa solidariedade "con todas aquelas persoas que se ven privadas da súa liberdade por razóns meramente administrativas".

Rocío Fraga solicita o peche do Centros de Internamento de Persoas Extranxeiras