CGT | nota de prensa
Sodexo Iberia presta servizos de restauración no comedor de Zara Logística (grupo Inditex), onde abusa e explota aos traballadores
A caterva de abusos que comete desde hai moito tempo son inaceptables, e ten interpostas denuncias en Inspección de Traballo e no Xulgado.
Os abusos que levan a cabo estes desalmados, chegan á ruindade de non pagarlle ao persoal o salario que marca o convenio, aínda con sentenzas a favor de traballadores que demandaron este atropelo laboral. Máis exemplos denunciados en Inspección de Traballo:
1.-Fraude na contratación:
Traballadores que firman o contrato e non se lles facilita copia dos mesmos.
Contratos a tempo parcial cando a xornada realizada entre horas ordinarias e complementarias é de tempo completo.
Realízanse contratos de duración determinada por circunstancias da produción para cubrir necesidades permanentes, e os traballadores coinciden de alta co persoal que están suplindo.
2.-Horas complementarias:
O pacto de horas complementarias do contrato non recolle as horas complementarias que poderían ser requiridas polo empresario.
Hai un exceso de realización de horas complementarias.
A realización de horas complementarias non respecta os límites de xornada máxima e descansos.
O traballador non coñece nin o día nin a hora para realización das horas complementarias pactadas, cando por lei debe ser informado con unha antelación mínima de tres días. Simplemente non se avisa coa antelación legal.
Non se lles facilita un resumo mensual das horas ordinarias e complementarias realizadas xunto co recibo de salarios.
3.-Horas Extraordinarias:
Realízanse horas extraordinarias nas quendas nocturnas.
Non se abonan de acordo ao Convenio que fixa un importe do 125% e páganas como ordinarias.
Non se lles facilita un resumo das horas ordinarias e extraordinarias realizadas xunto co recibo de salarios.
A realización de horas complementarias non respecta os límites en materia de descansos.
4.-Descanso de xornada:
Non se respectan as 12 horas de descanso entre xornadas.
5.-Xornada diaria:
Non se respecta a xornada máxima ordinaria diaria, e tampouco se lle computan como horas extraordinarias.
6.-Horario:
Modifican unilateralmente o horario dos traballadores, obrigándoos a traballar fóra do seu horario e xornada.
7.-Horas sindicais:
Dedúcese das horas sindicais o plus de nocturnidade.
8.-Permisos retribuídos:
Dedúcese o plus de nocturnidade aos traballadores de quenda nocturna que gozan de permisos retribuídos.
9.-Mobilidade Funcional:
Traballadores con distintas categorías están sendo coaccionados a repartir comida nunha furgoneta a outros centros de traballo.
10.-Vulneración do dereito á liberdade sindical dos delegados a través do dereito a información:
Non dan información aos delegados ao respecto dos contratos subscritos, nin acerca do remate da relación laboral, nin das horas complementarias, nin das horas extraordinarias, nin da mobilidade funcional etc. Polo xeral omiten deliberadamente información e documentación coa intención de impedir a súa actividade sindical na defensa dos traballadores.
É lamentable que Inditex presuma da calidade dos seús comedores nos medios de comunicación, e ao mesmo tempo, permita que Sodexo en Zara Logística vulnere todo tipo de dereitos con prácticas indecentes.