Axenda Cultural

O documental “O canteiro de Sebil preséntase na Coruña

O documental producido por Quinteiro do Umia sobre a figura do mártir cuntiense Xoán Xesús González será presentado o día 23 de febreiro ás 20:00 no Portas Ártabras da Coruña

 

O documental “O canteiro de Sebil preséntase na Coruña
O canteiro de Sebil
O canteiro de Sebil
  • Qué: Presentación do documental "O Canteiro de Sebil"
  • Ónde: Portas Ártabras, Rúa Sinagoga, 22. 15001 - A Coruña
  • Cándo: Venres, 23 de febreiro ás 20h

Xoán Xesús González foi asasinado o 12 de setembro de 1936, logo de ser apreixado días antes polos golpistas de Franco. O político, avogado e canteiro de Cuntis (da aldea de Sebil) foi un dos persoeiros máis sobranceiros do seu tempo, salientable en múltiples ámbitos e sempre leal ao seu compromiso coa democracia e as liberdades. Un compromiso que lle custou a vida a mans dos fascistas.

Estudou  Maxisterio e Dereito, colaborou en varios xornais, foi secretario da Asociación de Prensa de Santiago, fundou o xornal 'El País Gallego' (1927), tivo o seu propio bufete de avogados e impulsou a libraría e editorial 'Niké': estes son só algúns breves trazos do seu activismo. É autor das obras 'Ana María' (1925), 'A filla da patrona' (1926), 'A modelo de Paco Asorey' (1934), 'Teresiña Novás' ou 'En pé campesiños (ensaio)' entre outras.

No eido político foi dirixente da Agrupación Nacionalista Independente de Compostela, secretario local da Agrupación Socialista, fundou en 1931 a Unión Socialista Galega e incrementou a súa actividade política en Izquierda Republicana. Integrou o Terzo de Calo na defensa da legalidade republicana e exerceu o liderado fronte ao Golpe de Estado de 1936 na comarca compostelá.

'O canteiro de Sebil' é a ollada colectiva producida por Quinteiro do Umia. É unha homenaxe á súa figura que procura a posta en valor do traballo feito ata agora por diversos particulares e entidades, así como a achega de datos novos e descoñecidos ata o momento, produto do traballo de documentación do propio Quinteiro do Umia para este audiovisual. Este traballo non ten pretensións individuais e non procura máis que ser unha humilde contribución á tarefa colectiva de recuperación da nosa memoria. A interpretación conta con ducias de persoas que participaron desinteresadamente en horas de gravación polos concellos Cuntis, Caldas, Moraña e Compostela.

O documental “O canteiro de Sebil preséntase na Coruña