Axenda Cultural

Hércules de Ediciones presenta “O camiño á casa”, tradución dun álbum ilustrado inglés

Hércules de Ediciones vén de publicar os álbumes ilustrados O camiño á casa e El camino a casa; as edicións en galego e castelán —traducións ambas de Fe González— dunha obra publicada orixinalmente en inglés.

Hércules de Ediciones presenta “O camiño á casa”, tradución dun álbum ilustrado inglés
Portada O camiño á casa
Portada O camiño á casa

O precioso conto —obra da escritora Katie Cotton e da ilustradora Sarah Jacoby— relata o camiño que teñen que percorrer varios animais: “Cando chega o inverno, un paxaro foxe coa súa cría, un rato constrúe un niño para o seu fillo e os coellos escapan dos lobos que vagan polos bosques ao escurecer”. O camiño á casa é longo e duro, pero os animais téñense os uns aos outros nesta meditación poética sobre a natureza, a supervivencia e o amor.

A presentación oficial —que terá lugar o vindeiro xoves 19 de outubro ás 18:30 horas na Biblioteca Afundación de Santiago— será diferente ás habituais xa que contará coa lectura do conto en galego pola súa tradutora, Fe González, á que seguirá unha actividade sobre animais migratorios a cargo da ilustradora e bióloga Estefanía Padullés.

A presentación está recomendada para maiores e pequenos, e está aberta ao público ata completar ocupación.

Comentarios
Hércules de Ediciones presenta “O camiño á casa”, tradución dun álbum ilustrado inglés