Memoria Histórica

Presentación do libro ‘O exército de fume’, de Manuel Gago

O lúns 19 de novembro, ás 20.00 h. no Cárcere da Coruña, terá lugar a presentación do libro "O exército de fume, de Manuel Gago, polo historiador Emilio Grandío, acto que contará coa participación directa do autor do libro.

Presentación do libro ‘O exército de fume’, de Manuel Gago
O exército de fume
"O exército de fume" portada

O exército de fume é un relato sobre homes e mulleres valentes que participaron, desde Galicia, na II Guerra Mundial en 1942. Como toda novela, é esencialmente un exercicio de ficción, de imaxinación, e sobre ese material de soños crúzase a historia, pero tamén a lenda. Porque a II Guerra Mundial en Galicia entrou xa no territorio do lendario.

Aquí tes a sinopse:

Principios de 1942. Galicia vive dúas guerras ocultas ao tempo. Na costa, nazis e aliados combaten no mar e nos portos polo dominio do Atlántico. No interior, a resistencia enfróntase teimuda ao poder de Franco. Ata que todo se cruza. Unha mestra recibe o seu primeiro destino nunha distante aldea da Costa da Morte. Un guerrilleiro de sona acepta a misión máis perigosa. E un pintor de océanos asume un incómodo encargo. Sen sabelo, os tres van ficar unidos polo desengano, a esperanza e a valentía, nun remuíño que une os seus pasados cos dramáticos acontecementos de Europa. Na súa segunda novela, Manuel Gago mergúllase nun poderoso relato de acción no que se mesturan a historia, a lenda e a ficción. Unha novela sobre esquecidos heroes anónimos que non saben que son tal. Cando dúas guerras se xuntan, o futuro do mundo está en xogo

O exército de fume é unha novela de xénero: acción e espionaxe, pero sobre todo é un relato sobre vidas marcadas polo pasado, por persoas que toman decisións sen necesidade de grandes palabras. Un homenaxe á guerrilla do país, tan esquecida, e ás pequenas e grandes resistencias. 

Presentación do libro ‘O exército de fume’, de Manuel Gago