7 días 7 libros
Queixume recomenda “Patria”
José Eduardo Seijas, da libraría Queixume, na Sagrada Familia, di que Patria conta unha historia de reconciliación.
![Libraría Queixume recomenda Patria, de Fernando Aramburu-min](/asset/thumbnail,992,558,center,center/media/entrenosagra/images/2017/04/15/2017041511360545268.jpg)
Patria, de Fernando Aramburu, unha novela editada no 2016 por Tusquets, é a recomendación de José Eduardo Seijas, propietario da libraría Queixume na que leva máis de trinta anos na Sagrada Familia, “un barrio de lectoras e no que se vende tamén moito libro para nenas e nenos”. Patria, escrita por un vasco que vive en Alemaña, comeza a súa acción o día en que ETA anuncia o abandono das armas. Trata da relación de dúas familias separadas polo conflito. “Fala da reconciliación, de como perdoar, como a familia do asasinado intenta encontrar motivos para ese perdón”, explica o libreiro. “Pode que hai apenas dez anos non se puidera escribir unha novela coma esta”, di, “inda que non é un simple relato sobre o terrorismo é moi dura e toca cousas que pasaron hai pouco”.
Queixume inaugurouse hai 38 anos na rúa Sagrada Familia, e alí segue, inda que mudou de local. E sempre da man de José Eduardo, que vai dando conta das transformacións do negocio que desde o principio foi “libraría, quiosco e papelaría; pero hoxe un pouco máis papelaría e quiosco que libraría”. O local, de fachada estreita, pero moi amplo e de teitos altos no interior, está ateigado de libros e cores. “En canto a libros, o que máis vendemos son libros infantís, entre os maiores, as principais clientas e supoño que tamén lectoras son as mulleres”. José Eduardo recoñece que de tres ou catro anos até hoxe a venda de literatura baixou, e que non sabe moi ben cara onde evolucionará o oficio, “pero estamos preparados para transformarnos”, advirte.
Fernando Aramburu foi disntuigo este sábado 22 de abril co Premio da Crítica por Patria.