ADEGA | nota de prensa

Adega convoca unha limpeza simultánea de praias para os días 14 e 15 de outubro

ADEGA convoca un ano máis a Limpeza Simultánea de Praias, que desta volta acada a súa XI edición, e terá lugar na fin de semana do 14 e 15 de outubro. Esta xornada de voluntariado ambiental ten o propósito de concienciar a sociedade na loita contra a contaminación mariña.

Adega convoca unha limpeza simultánea de praias para os días 14 e 15 de outubro
Limpeza de praias
Limpeza de praias

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2022.- Foron chamados a participar nesta limpeza simultánea de praias e denunciar esta problemática ambiental os centros de ensino, escolas de surf e mergullo, clubs de piragüismo e vela, pescadores, mariscadoras, concellos do litoral, e entidades de todo tipo de Galiza, tanto públicas como privadas, ademais das persoas particulares.

As limpezas serán ecolóxicas, non mecanizadas, e tratarán de eliminar boa parte dos residuos que están nas praias coa idea de chamar a atención da sociedade sobre a súa contaminación procedente nomeadamente de terra adentro. As principais causas desta problemática ambiental débense situar no modelo de consumo e produción baseado no modelo “usar e tirar”, a deficiente xestión dos residuos que xeramos e a falta de concienciación dalgúns sectores da poboación. Todo iso provoca que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos, procedentes en parte da industria do mar (pesca, extraccións...), pero tamén dos nosos fogares.

Actualmente xa hai preto de 30 areais e 20 entidades voluntarias anotadas para a limpeza de praias e mantense aberto o prazo para as novas adhesións. ADEGA ofrecerá asesoramento ás entidades participantes e proporcionaralles o material divulgativo e os protocolos de limpeza.

Localización de grupos de voluntariado:

https://www.google.com/maps/d/u/0/edit?mid=1sC2m8l8Wu8gLls58embD8wLga83hprE&usp=sharing

Adega convoca unha limpeza simultánea de praias para os días 14 e 15 de outubro