BNG | nota de prensa

Ana Miranda: “É imprescindible revisar a aplicación da normativa europea de seguridade marítima nos diferentes estados”

O Parlamento Europeo acolle mañá unha conferencia sobre o 20 aniversario da catástrofe do Prestige organizada polo BNG

Ana Miranda: “É imprescindible revisar a aplicación da normativa europea de seguridade marítima nos diferentes estados”
20_anos_prestige
20_anos_prestige

Bruxelas, 15 de novembro de 2022.- Vinte anos despois da catástrofe do Prestige, que asolagou as costas galegas (e portuguesas) de chapapote, a eurodeputada do BNG considera que é imprescindible unha revisión da aplicación da normativa europea de seguridade marítima nos Estados Membros. Esta cuestión é un dos temas que se tratarán na conferencia “20 anos do accidente do Prestige: análise da seguridade marítima en Europa”, que mañá se celebrará no Parlamento Europeo e que contará cun amplo panel de expertos.

“Aínda que hoxe teñamos máis medios marítimos e aéreos que hai vinte anos, de pouco serven se non se usan para evitar os riscos que presentan os buques con bandeira de conveniencia que cada día pasan pola Costa da Morte”, manifesta Ana Miranda en relación ao servizo da Axencia de Seguridade Marítima Europea (EMSA) denominada  CleanSeaNet (CSN).

Este servizo da EMSA, que comezou a funcionar en 2007, consiste nun sistema de monitorización por satélite que detecta e vixía vertidos mariños en augas europeas e permite a localización, seguimento e identificación do buque responsable. No Plan Nacional de Salvamento 2021-24 dise que en 2019 se detectaron 178 buques sospeitosos de realizar vertidos no mar, pero desde o propio 2007 non se ofrece información no Estado español dos expedientes sancionadores que se abriron, nin número de sancións administrativas ou penais impostas. 

Falta de transparencia informativa

“Quince anos despois de estar funcionando este servizo non existen estatísticas sobre o número e tipo de vertidos detectados polo sistema CSN, ou os buques identificados, polo que vemos unha total falta de transparencia na información”, denuncia a eurodeputada do BNG, quen explica que na conferencia que acollerá mañá a Eurocámara a propia EMSA estará representada por Frederic Hebert, Xefe da Unidade de Sustentabilidade do Departamento de Sustentabilidade e Asistencia Técnica da Axencia de Seguridade Marítima Europea. Ademais, por parte da Unidade de Seguridade Marítima da Dirección Xeral de Transporte da Comisión Europea intervirá Jacob Terling.

No tocante a outros casos de contaminación mariña en Europa, ademais do o exvicepresidente da Asociación “Merci Erika” de Bretaña, Alain Bonnec; o representante do FNP Partido Frisio dos Países Baixos, Frank de Boer; e o Presidente da asociación ZEA de Francia, Jean-Ronan Le Pen, intervirá o presidente da Comisión de Pesca, Pierre Karleskind, vicepresidente de Bretaña no momento de naufraxio do buque Erika.

Como non podía ser doutro xeito, a conferencia analizará polo miúdo o accidente do Prestige e as súas consecuencias na costa galega. Así, o xornalista Xosé Manuel Pereiro; representantes do movemento Nunca Máis, como Adela Figueroa, Xurxo Souto e o escritor Suso de Toro; representantes do sector pesqueiro e marisqueiro afectados; o fotógrafo Xurxo Lobato e o eurodeputado do BNG no momento do accidente, Camilo Nogueira, debullarán en Bruxelas os efectos medioambientais, ecolóxicos e xornalísticos da catástrofe do Prestige.

Ana Miranda lembra que, tras o accidente, o eurodeputado Camilo Nogueira, impulsou a creación do Comité Temporal Especial sobre seguridade marítima en Europa tras a Resolución do Parlamento Europeo de 19 de decembre de 2002 relativa ás accións para facer fronte aos efectos do desastre ecolóxico e económico do Prestige, así como as investigacións sobre as súas causas e as súas consecuencias. A resolución do Parlamento Europeo foi adoptada o 8 de xullo de 2003 e nela pídense diversas medidas para previr outro accidente similar ao do Prestige en augas europeas.

Ana Miranda: “É imprescindible revisar a aplicación da normativa europea de seguridade marítima nos diferentes estados”