BNG | nota de prensa

BNG reclama a paralización do Parque de Eólica Mariña Nordés

Néstor Rego avanza unha batería de accións institucionais e sociais e expresa o apoio do BNG ao sector pesqueiro
BNG reclama a paralización do Parque de Eólica Mariña Nordés
rolda BNG - Rosana Pérez e Néstor Rego (II)
Rolda BNG - Rosana Pérez e Néstor Rego (II)
  • Rosana Pérez denuncia o silencio cómplice da Xunta de Galiza ante a recentralización de competencias do executivo estatal
  • Rego pide ao Goberno Español que continúen os labores de rescate dos mariñeiros do Vila de Pitanxo.

Madrid, 18 de febreiro de 2021. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a deputada no Parlamento de Galiza, Rosana Pérez, presentaron as alegacións do BNG ao Parque de Eólica Mariña Nordés e manifestaron o rexeitamento da frente nacionalista ao proxecto que, de levarse adiante, suporá a perda de millares de postos de traballo no sector pesqueiro galego e un grave dano ambiental. Así mesmo, adiantan unha batería de accións institucionais e sociais e o apoio ao BNG ao sector pesqueiro.

Os deputados do BNG no Congreso e no Parlamento de Galiza amosaron unha posición claramente coincidente coa expresada polo sector pesqueiro galego. O Parque Eólico mariño afectará entre 268 e 280 quilómetros cadrados de costa frente ás comarcas de Ferrol, Ortegal e A Coruña, o que supón a afectación de 30 caladoiros fundamentais. “Estamos falando de 80 muíños e corredores e ringleiras de cables que suporá un enorme impacto ambiental” explican.

Nas alegacións que foron remitidas ao Ministerio contémplanse os principais motivos polos que a organización nacionalista se opón de maneira frontal á implantación deste parque. “Ponse en risco a biodiversidade da nosa costa, os valores ambientais da mesma e a capacidade produtiva dos caladoiros afectados que dan traballo a millares de mariñeiros e familias do noso País” subliña Rego. Neste sentido, a organización nacionalista reclama ás administracións- en especial ao MITECO- que non autoricen a construción deste parque eólico mariño “porque entendemos que nin sequera se están cubrindo as formalidades”.

Rego enumera as diferentes cuestións que aínda están pendentes de tramitación mentres se da curso á solicitude de autorización do Nordés, enfatizando que “aínda non está resolto o procedemento do  Plan de Ordenación dos Espazos Marítimos, ao cal o Bloque Nacionalista Galego tamén presentou alegacións”. Ademais subliña que, a día de hoxe, non existe resolución ou norma que contemple os espazos adecuados para a produción eólica. “Entendemos que as características da costa do noso País fan que non sexa adecuada a instalación de parques eólicos mariños porque terían que situarse a tan só 15 ou 30 quilómetros o que afectaría á biodiversidade e espazos produtivos” relata.

As alegacións presentadas polo BNG cuestionan a idoneidade do emprazamento deste proxecto, posto que suporá a afectación a zonas de veda de especies, como a cigala ou a pescada, que se verían seriamente afectadas. “Carece de sentido que se exixa á frota pesqueira, que respecte os períodos de veda nesas zonas da nosa costa para, despois, permitir que empresas do sector enerxético poidan poñer en risco esa capacidade de rexeneración de determinadas especies”, afirma Rego.

Por outra parte, a deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Rosana Pérez, entende que o Goberno do Estado “non pode levar a cabo nin este parque eólico mariño no Nordés nin ningún outro” até que non se aprobe o Plan de Ordenación dos Espazos Mariños (POEM). Explica que as zonas de implantación dos parques non están determinadas co que, a día de hoxe, non están aprobados nin contemplados os espazos adecuados para a produción eólica.

Sinala a singularidade de Galiza no ámbito pesqueiro e, polo tanto, a necesidade dunha avaliación específica do impacto dos parques eólicos mariños nas costas galegas “porque o peso do sector pesqueiro do noso País é moi importante e non ten comparación co resto de frotas do Estado español”.

Máis alá das características técnicas, este proxecto para a organización nacionalista “fica invalidado desde o momento en que non parte da evidencia de que a actividade pesqueira na Galiza é un dos factores máis importantes a ter en conta”. Mentres se manteña a afectación a estes caladoiros, explica Pérez, encontrará a oposición do BNG para a súa implantación e denuncia “o silencio que a Xunta está a manter con todo o que ten haber neste tema”.

“Consideramos que a Xunta ten que pronunciarse e manter unha actuación transparente. A día de hoxe, o Parlamento non coñece absolutamente nada do que se está a debater no Observatorio da Eólica Mariña da Galiza -creado despois de rachar un acordo unánime en 2009 a respecto da eólica mariña-, nin dos acordos que se puidesen ter tomado  ou mesmo se está a ser utilizado pola Xunta de Galiza” afirma Rosana Pérez.

A deputada recrimina a actitude submisa do Goberno galego ante a recentralización de competencias que está a levar a cabo o executivo estatal neste ámbito. “Galiza ten legalmente atribuídas as competencias de marisqueo, acuicultura mariña, ordenación do sector pesqueiro e a execución dos labores de salvamento marítimo e loita contra a contaminación marítima” enumera Pérez.

Naufraxio do Vila de Pitanxo

Por outra parte, Néstor Rego anunciou que, desde o total respecto o labor das administracións e, ao mesmo tempo, recollendo as demandas das familiares dos desaparecidos, o BNG pide ao Ministerio que continúen os labores de busca dos mariñeiros do Vila de Pitanxo. O deputado nacionalista anunciou que xa se puxo en contacto co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para trasladar esta posición entendendo que, se Canadá se nega á solicitude de retomar a busca, o Estado español debe facelo con medios propios porque “ten a obriga política e moral de traer de volta todos os mariñeiros do Vila de Pitanxo”, destacou finalmente o deputado nacionalista. 

BNG reclama a paralización do Parque de Eólica Mariña Nordés