Eólicas

Casares acusa á conselleira de facer o "ridículo" en Bruxelas por pedir presión ao TXUE polo parón eólico

O eurodeputado socialista critica a falta de planificación da Xunta en materia de renovables e esixe que cumpra coa nova directiva europea de enerxías renovables.
Casares acusa á conselleira de facer o "ridículo" en Bruxelas por pedir presión ao TXUE polo parón eólico
González Casares. ERIC VIDAL
González Casares. ERIC VIDAL

O eurodeputado socialista galego Nicolás González Casares acusou esta mañá á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, de facer o "ridículo" en Bruxelas ao solicitar á Comisión Europea que presione ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) polo parón eólico en Galicia. Segundo Casares, a conselleira demostrou un "descoñecemento profundo das institucións comunitarias", tras reunirse co director xeral do Servizo Xurídico do Executivo comunitario, nun intento que o eurodeputado cualificou de "torpe" e de "inxerencia" nas funcións do TXUE.

González Casares insistiu en que o verdadeiro problema do parón eólico en Galicia non está en Bruxelas, senón na falta de planificación e na "oposición" do Partido Popular. "Se Galicia caeu á cuarta posición en implantación eólica, é pola mala xestión do PP, tanto con Feijóo como con Rueda", afirmou Casares, reclamando que a Xunta "se poña as pilas" e aplique un modelo de desenvolvemento renovable que teña en conta os intereses da sociedade.

Críticas á xestión da Xunta en materia de renovables

O eurodeputado, quen foi relator socialista da nova directiva europea de enerxías renovables, criticou a falta de adaptación da Xunta ás novas normativas comunitarias. Casares lembroulle á conselleira que Europa fixou obrigas claras en materia de planificación e autorización de proxectos renovables, como o establecemento de áreas de aceleración, que deberán estar definidas para a próxima primavera. "Máis que vir a Bruxelas a preguntar, a conselleira debería estar traballando en todo isto", remarcou.

Ademais, o socialista puxo en valor a inclusión da cláusula de participación pública nos novos proxectos renovables, recollida na directiva grazas ás emendas presentadas polo PSdeG-PSOE, emendas que, segundo Casares, o PP votou en contra. "Faría ben a conselleira en tomar nota diso e coordinarse mellor co seu partido para evitar facer o ridículo en Bruxelas", engadiu.

Procedemento de infracción e protección ambiental

Por último, Casares lamentou que a conselleira non aproveitase a súa visita a Bruxelas para interesarse polo estado do procedemento de infracción aberto contra a Xunta pola falta de cumprimento dos requisitos de protección ambiental en espazos protexidos, como a Rede Natura. Este incumprimento, segundo o eurodeputado, evidencia unha vez máis as carencias do Goberno galego en materia de medio ambiente e conservación do patrimonio natural.

Casares acusa á conselleira de facer o "ridículo" en Bruxelas por pedir presión ao TXUE polo parón eólico