ADEGA | nota de prensa

Colectivos conservacionistas solicitan unha reunión urxente á ministra Teresa Ribeira na súa próxima visita a Ponferrada

“A magnitude dos proxectos eólicos pon en grave risco o equilibrio ecolóxico de  toda a Cordilleira Cantábrica”. 
Colectivos conservacionistas solicitan unha reunión urxente á ministra Teresa Ribeira na súa próxima visita a Ponferrada
Bierzo-La Cepeda
Bierzo-La Cepeda

Ponferrada, 20 de marzo de 2023.- A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza  (ADEGA), Bierzo Aire Limpo, Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica e a  Sociedade Galega de Ornitoloxía dirixíronse por carta á Ministra para a Transición  Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribeira, para solicitar unha reunión con  carácter urxente durante a súa próxima visita a Ponferrada. A xuízo das entidades  ecoloxistas, estamos ante unha situación grave —“fóra de control”—, que preocupa a  amplos sectores da sociedade galega, leonesa e berciana. 

As catro organizacións, cunha longa traxectoria na defensa do patrimonio natural  do ámbito cantábrico, son integrantes do Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira  Cantábrica, alianza que está a presentar batalla legal contra a desproporcionada  implantación de proxectos de enerxías renovables no norte de España. 

Entre as peticións remitidas á Ministra Ribeira demandan “elaborar unha  planificación estratéxica e establecer zonas de exclusión que impliquen a prohibición  legal de implantar proxectos de enerxías renovables en espazos de alto valor natural  (como os afectados na Cordilleira Cantábrica); protexer a participación cidadá como  principal garante da defensa dos territorios e os intereses das persoas que residen neles;  implementar a esixencia dun estudo que valore a cantidade en Tep (toneladas  equivalentes de petróleo) de combustibles fósiles necesaria para a posta en marcha de  cada un dos proxectos expostos (desde o momento de inicio das obras de  acondicionamento) e, por tanto, o tempo estimado de funcionamento, necesario para  “amortizar” o consumo fósil empregado. 

A xuízo dos colectivos, débese “xustificar o carácter de interese público de todos  e cada un dos parques propostos cuns criterios que teñan en consideración os usos  actuais, sen dar por suposto que a xeración de enerxía eléctrica o sexa en todos os casos”. Tamén solicitan ao Ministerio para a Transición que facilite as listaxes dos  proxectos con dereito consolidado de acceso á Rede Eléctrica Española. 

Por último, as catro organizacións ecoloxistas e conservacionistas demandan  “incrementar as medidas enfocadas ao seguimento e control de todos os proxectos de  enerxías renovables evitando a actual laxitude que convida á especulación por parte das  promotoras e que, á súa vez levará unha previsible judicialización dos procedementos (algo que aspira a colapsar nun futuro os tribunais); e esixir ás promotoras avais  suficientes que inclúan a necesaria provisión de fondos para retirar e reciclar as  instalacións industriais cando finalice a súa vida útil, así como unha fianza acorde aos  riscos que asumirá o medio ambiente da nosa terra, cuxo fráxil equilibrio se atopa  comprometido por proxectos eólicos de magnitude inusitada que se pretenden implantar  nun espazo de alto valor natural como a Cordilleira Cantábrica”. 

Colectivos conservacionistas solicitan unha reunión urxente á ministra Teresa Ribeira na súa próxima visita a Ponferrada