Ecoloxistas en Acción | nota de prensa

España leva 5 anos consecutivos sendo o primeiro gran incumpridor da normativa europea ambiental

Ecoloxistas en Acción en colaboración coa Red de Abogados y Abogadas para la Defensa Ambiental (RADA) presentou alegacións ao anteproxecto de Lei de Enxuizamento Criminal ante a supresión de perseguir certos delitos ambientais como a liberación de especies exóticas ou delitos de caza.

España leva 5 anos consecutivos sendo o primeiro gran incumpridor da normativa europea ambiental
Delitos ambientais
Delitos ambientais
Ambos colectivos denuncian que unha nova Lei de Enxuizamento Criminal non pode ignorar a necesidade que existe en Europa e, especialmente en España, de dispoñer dunha ferramenta procesual potente e eficaz que facilite a persecución dos delitos contra o medio ambiente. Cabe lembrar a este respecto que España é o país que leva 5 anos consecutivos sendo o primeiro gran incumpridor da normativa europea ambiental.

Ademais solicitan unha norma xurídica que facilite unha aplicación eficaz do dereito ambiental que incremente a conciencia social sobre o que son as condutas culposas, dolosas e gravemente imprudentes en materia de protección ambiental e que garanta que as medidas que se adopten para a reparación do dano serán eficaces e executadas ata lograr a restauración do dano causado, de conformidade co artigo 45 da Constitución Española.

Ecoloxistas en Acción e RADA fan especial fincapé nas carencias do anteproxecto onde, lonxe de contemplarse a mellora de medios para unha adecuada tramitación procesual dos delitos contra o medio ambiente, ven unha clara regresión nas posibilidades de uso de ferramentas básicas para o acceso á xustiza en materia de medio ambiente como é a acción pública ou popular para a persecución de determinados delitos (exercida  maioritariamiente polas ONGs de defensa ambiental), a acción civil de restauración do dano e a execución das sentenzas.

Sinalan que o anteproxecto deixa ao marxe ás ONGs de defensa ambiental xa que só se lles permite o dereito ao exercicio da acción popular de xeito limitado, polo que quedan fora da acción delitos relativos á protección da flora, fauna e animais domésticos, os delitos de incendios forestais e todos os delitos de prevaricación, entre outros. Todo isto, ademais, entra en colisión normativa co Convenio sobre o acceso á información, a participación do público na toma de decisións e o acceso á xustiza en materia de medio ambiente, Convenio Aarhus, (ratificado por España o 15 decembro 2004 e con entrada en vigor de 20 marzo 2005), cuxo obxectivo é garantir os dereitos de acceso á información sobre o medio ambiente, a participación do público na toma de decisións e o acceso á xustiza en materia ambiental, co fin de contribuír a protexer o dereito de cada persoa, das xeracións presentes e futuras, a vivir nun medio ambiente que permita garantir a súa saúde e o seu benestar.

Polo tanto, solicitan a revisión do anteproxecto e a incorporación ao mesmo das alegacións plantexadas. A oportunidade lexislativa de reformular a Lei non debe obviar as argumentacións xurídicas expostas polos colectivos en aras a defender o medio ambiente, e pór de manifesto que o contido do anteproxecto pretende limitar ese cometido de defensa ambiental.

España leva 5 anos consecutivos sendo o primeiro gran incumpridor da normativa europea ambiental