Organización galega de Comunidade de Montes | nota de prensa

A lei de recuperación da terra, outra coitelada ao monte veciñal

A Organización galega de Comunidade de Montes denuncia que o Partido Popular de Galicia está realizando ás agochadas unha modificación de calado da lei de montes para desprotexer ás comunidades de montes veciñais e entregar o monte comunal ás empresas madereiras.

A lei de recuperación da terra, outra coitelada ao monte veciñal

A ORGACCMM sinala que as intencións do Partido Popular contra as Comunidades de Montes quedan claras cando unha lei non específica de montes veciñais promulga na súa derradeira disposición 34 modificacións á vixente lei de montes de Galiza e todas elas referidas aos montes veciñais. 

O procedemento correcto para unha lei específica que precisa de tal número de modificacións sería iniciar un proceso de modificación da lei ou mesmo elaborar un borrador para unha nova lei. Pero, denuncian, o Partido Popular pretende mudar entre bastidores a lei que protexe os dereitos das Comunidades de Montes para achanzar o camiño para que os montes veciñais en mán común formen parte dos polígonos agroforestais que define a LEI 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

As empresas madereiras buscan a máxima rentabilidade dos polígonos agroforestais incrementando a súa extensión e para facilitarlles isto a Lei de recuperación da terra agraria abre a porta a expropiar a xestión dos monte comunais e entregarlla a estas empresas.

O Partido Popular, coñecedor da resistencia da veciñanza comuneira a perder a xestión dos seus montes, habilitou, mediante esta lei, a Consellaria do medio rural para que declare en estado de abandono ou de grave abandono os montes comunais polo mero feito de incumplir as comunidades de montes en cuestións meramente burocráticas como non enviar a tempo a listado actualizado da veciñanza comuneira ou non nomear en prazo unha xunta reitora. Deste xeito a Consellería pode decretar a usurpación da xestións das súas terras a veciñanza comuneira e entregarlla ás empresas madereiras por un periodo de 50 anos.

A ORGACCM denuncia que para o goberno galego todo vale para acometer a usurpación do monte veciñal. Onte foi a lei de simplificación administrativa, logo o novo Plan Forestal e hoxe a Lei da recuperación da terra agraria. Queda meridianamente claro que o conselleiro de Medio Rural e a Xunta de Galicia están totalmente entregada ao ditame do interese puramente económico das grandes empresas madereiras.

A lei de recuperación da terra, outra coitelada ao monte veciñal