Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica leva á Deputación unha iniciativa exisindo a rexeneneración dos terreos contaminados pola mina de Touro e O Pino

Máis de trinta anos despois do peche da explotación mineira a ceo aberto, as correntes de auga da zona seguen tendo unha elevada concentración de metais pesados

A Marea Atlántica leva á Deputación unha iniciativa exisindo a rexeneneración dos terreos contaminados pola mina de Touro e O Pino
1
1

Alberto Lema: “Estamos ante un claro exemplo de malas prácticas e explotación descontrolada dos recursos naturais, cunha pegada que permanece despois de tres décadas, ante a deixadez da Xunta de Galicia”

A Coruña, 27 de setembro de 2021.- O grupo provincial da Marea Atlántica vén de rexistrar unha moción para ser debatida no vindeiro Pleno da Deputación da Coruña, este venres 1 de outubro, na que rexeitamos a reapertura da mina de cobre de Touro e O Pino, e reclamamos a rexeneración das terras que aínda hoxe seguen contaminadas pola explotación mineira, 33 anos despois do seu peche. O uso actual dos terreos para a depuración de lodos só contribuiu a empeorar a situación.

Nunha visita realizada o 16 de setembro, o noso voceiro provincial, Alberto Lema, puido comprobar como todos os ríos e regos da zona presentan augas de cor laranxa e baixos niveis de pH, proba das elevadas concentracións de metais pesados. Neste percorrido, no que estivo acompañado polo portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, viu que estas correntes de auga rematan por formar unha balsa preto de Fonte Díaz, capital municipal de Touro, deixando a paraxe sen vexetación. E o destino final destas augas contaminadas é a ría de Arousa, o sistema costeiro máis produtivo de Europa, que dá traballo a milleiros de familias dependentes do marisqueo, da pesca e do turismo.

“Estamos ante un claro exemplo de malas prácticas e explotación descontrolada dos recursos naturais, cunha pegada que permanece despois de tres décadas, ante a deixadez da Xunta de Galicia”, denunciou Alberto Lema. A situación agrávase pola mala planificación urbanística, xa que sobre as escorrentías da antiga mina, a escasos metros dunha destas correntes de auga contaminadas, atopamos hoxe unha escola infantil e un centro para a terceira idade, entre outros inmobles.

Por iso, instamos á Xunta e aos concellos afectados, Touro e O Pino, a realizar os traballos de inspeccion necesarios para avaliar o estado das augas e terras afectadas polas escorreduras da antiga mina, facendo cantas intervencións sexan necesarias para garantir a súa salubridade.

A empresa debe asumir as súas responsabilidades

O mesmo lle esiximos á empresa responsable, Explotaciones Gallegas, S.L, a que execute dunha vez as tarefas de depuración xa aprobadas en certas zonas para reducir as verteduras. E a que presente un plan de restauración actualizado e o execute, poñendo fin a máis de 30 anos de irregularidades. As institucións deben presionar á compañía para que cumpra coas súas obrigas e rexenere a súa propia contaminación. Agardamos que esta proposta conte con apoio maioritario na Deputación.

A mina de Touro e O Pino foi unha explotación a ceo aberto de máis de 600 hectáreas, que permaneceu activa de 1970 a 1988, para a extracción de cobre e outros metais pesados. Pechouse sen ningún tipo de traballo de restauración, deixando expostas grandes escombreiras con elevadas concentracións de cobre, ferro, cromo, níquel, chumbo e zinc, metais tóxicos todos eles. Á vista están as consecuencias deste modelo que defende o PP, baseado en venderlle os recursos naturais a empresas multinacionais que destrozan o territorio.

A Marea Atlántica leva á Deputación unha iniciativa exisindo a rexeneneración dos terreos contaminados pola mina de Touro e O Pino