Ecoloxistas en Acción | nota de prensa

Obradoiro sobre "Ecofeminismo Decolonial" en Vigo: unha mirada á interdependencia entre geminismo e antirracismo

A área de ecofeminismo do grupo Rías Baixas de Ecoloxistas en Acción organiza un obradoiro aberto ao público en Vigo, os días 7 e 8 de novembro, centrado na temática do "Ecofeminismo Decolonial". O evento contará coa participación de Sara Bourehiyi, activista de SOS Racismo e membro da área confederal de ecofeminismo de Ecologistas en Acción, que explorará a relación entre feminismo e antirracismo.
Obradoiro sobre "Ecofeminismo Decolonial" en Vigo: unha mirada á interdependencia entre geminismo e antirracismo
Ecofeminismo decolonial
Ecofeminismo decolonial

Vigo, 6 de Novembro de 2023 - Ecoloxistas en Acción, a través da súa área de ecofeminismo no grupo Rías Baixas, ofrece unha oportunidade única para a reflexión e o debate co obradoiro "Ecofeminismo Decolonial" que terá lugar os días martes 7 e mércores 8 de novembro na Fundición Nautilus, situada na rúa Torrecedeira 30, en Vigo. O evento dará comezo ás 19:00 horas e está aberto a todas as persoas interesadas en abordar as relacións entre feminismo e antirracismo dende unha perspectiva ecofeminista.

O obradoiro será impartido por Sara Bourehiyi, unha destacada activista de SOS Racismo e membro da área confederal de ecofeminismo de Ecologistas en Acción. A súa experiencia e coñecemento na intersección entre as loitas feministas e antirracistas prometen ofrecer unha visión profunda e enriquecedora para todas as persoas que asistan.

A temática central do obradoiro será a interdependencia entre o feminismo e o antirracismo. Explorarase de que maneira as diferenzas raciais e as clases sociais inflúen nas demandas e reivindicacións das mulleres, mostrando a complexidade das loitas sociais en que se atopan inmersas. O ecofeminismo decolonial busca promover unha maior comprensión das relacións de poder e opresión que afectan a mulleres de diferentes orixes e promover unha loita conxunta e solidaria contra todas as formas de discriminación.

O obradoiro será un espazo de diálogo e aprendizaxe no que se fomentará a participación activa de todas as asistentes, permitindo o intercambio de ideas e experiencias. A asistencia é libre e aberta a todas as persoas interesadas en profundizar na temática e contribuír ao avance das loitas ecofeministas.

Esta iniciativa pon de relevo a importancia de abordar as complexas cuestións de xénero, raza e clase no contexto do feminismo e do activismo social, buscando a construción dun mundo máis igualitario e xusto para todas as mulleres, sen importar o seu orixe ou identidade.

Obradoiro sobre "Ecofeminismo Decolonial" en Vigo: unha mirada á interdependencia entre geminismo e antirracismo