stop eólicos xurés celanova plataforma

A presión veciñal e a información achegada por colectivos medioambientais paran o proxecto de Greenalia en Baltar, Calvos de Randín e Os Blancos

A primeira pata do macrocomplexo eólico do proxecto fragmentado (Lamas de Feás + Lamas II) obtén DIA desfavorábel, co que se frea tamén a LAT que Greenalia pretende construír ao longo de 42 quilómetros nos concellos de Calvos, Porqueira, Bande, Verea, Celanova, Quintela, Pontedeva e Padrenda.

A presión veciñal e a información achegada por colectivos medioambientais paran o proxecto de Greenalia en Baltar, Calvos de Randín e Os Blancos
fONTE DA CUNCA
Fonte da Cunca
  • Rexistráronse 1.756 alegacións, a maior oposición social entre todos os proxectos que saíron a exposición pública na provincia, grazas ao traballo das veciñas directamente afectadas e da organización da loita nas comarcas limiás, Celanova, Allariz e Ourense nunha campaña de 30 días a comezos do pasado verán.

  • A compañía que senta no seu consello de administración á exconselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, xa sufriu outro revés coa denuncia de ADEGA por estar incumprindo as condicións da concesión dos dereitos dun parque na Coruña e deste na Limia.

  • Freados estes proxectos, que Greenalia tratará de impoñer en novos procedementos, STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA advirte que nestas comarcas seguen baixo ameaza o Larouco (Baltar, Xinzo, Cualedro), o Monte Grande (Bande, Verea) e o Monte da Neve (Celanova, Verea) e avanza a convocatoria dunha xeira de mobilizacións que arrancarán o 26 de marzo en Celanova e Verea coa II MARCHA EN DEFENSA DO MONTE DA NEVE.

A presión veciñal, con máis de 1.500 alegacións ("presentadas por 1.756 particulares, asociacións de ámbito ecoloxista e asociacións de veciños",como lembra a resolución) recollidas contra o proxecto denominado Lamas de Feás e máis de 800 alegacións contra o Lamas II --en realidade un mesmo macropolígono eólico entre A Aguioncha e Pena Loba, nos concellos de Baltar, Os Blancos e Calvos de Randín, que inclúe a orixe da LAT de 42 quilómetros que Greenalia pretende instalar entre eses montes e a subestación da Frieira, en Padrenda, atravesando 8 concellos da Limia, Baixa Limia e Terra de Celanova-- e as achegas dos colectivos medioambientais e defensa do territorio durante o reducido período de participación pública permitiron que a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) emitida con data do pasado venres pola Consellería de Medio Ambiente resultase desfavorábel.

É o primeiro chanzo na batalla administrativa contra a execucións de megaestruturas industriais nos montes entre A Aguioncha e Pena Loba, despois de que o rexeitamento social se fixese patente nas aldeas de Feás, Padroso, Lobás e outras de Calvos de Randín que culminou na marchas en defensa da Aguioncha o pasado verán, e máis adiante nas aldeas de Covas, Fontearcada e outras dos Blancos que culminou o 11 de decembro durante a concentración en Xinzo polo Día das Montañas. Tamén a veciñanza de Baltar, enfocada a súa loita na defensa do Larouco, colaborou solidariamente en todas as accións emprendidas pola plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA contra os proxectos Lamas de Feás, Lamas II e LAT de Greenalia, que hoxe a Xunta vén de poñer en cuestión.

É o primeiro chanzo máis a loita continúa. Greenalia intentará continuar a tramitación dos seus proxectos, mais xa sabe que xunto á veciñanza terá diante o FONDO PARA A DEFENSA XURÍDICA DAS MONTAÑAS DA LIMIA-XURÉS-CELANOVA que se porá en marcha nos próximos días.

Tamén a través dunha xeira de mobilizacións que empezarán o 26 de marzo en Celanova e Verea coa II MARCHA EN DEFENSA DO MONTE DA NEVE, e na que se dará conta de todas as loitas desde o Larouco até o Xurés contra a invasión eólica que non se detén e continúa tendo baixo ameaza as nosas montañas cos proxectos PE San Martiño (Baltar), PE Mistral (Baltar), PE Tramontana (Baltar, Xinzo, Cualedro), PE Monte Grande (Bande, Verea), PE Monte da Neve (Celanova, Verea), LAT do Larouco (Baltar, Xinzo) e LAT do Xurés (Baltar, Calvos, Muíños).

As causas que frean este proxecto deberían frear os demais

A plataforma agradece o esforzo e o compromiso das veciñas de Calvos de Randín, Baltar e Os Blancos, especialmente das aldeas de Feás e Covás; do Club Parapente Baltar; do Movemento Ecoloxista da Limia; e do goberno municipal de Xinzo de Limia que vén de acordar unha declaración solicitando unha moratoria eólica na Limia, así como do Sindicato Labrego Galego, a asociación ecoloxista Petón do Lobo, ADEGA e Ecoloxistas en Acción, así como Amigos da Terra e Amigas das Árbores e as demais plataformas de Ourense que teñen participado en moitas das accións emprendidas na defensa das nosas montañas.

As causas polas que se informa desfavorábelmente deste proxecto en concreto resúmense na oposición da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e do Instituto de Estudos do Patrimonio que alertan sobre “efectos sinérxicos” (é dicir, da proliferación sen control de infraestruturas eólicas) sobre a paisaxe, sobre espazos que gozan de protección (a Reserva da Biosfera Gerês-Xurés, e o moi próximo Parque Natural do Xurés, a maior reserva natural do país) e sobre a avifauna nunha área a da Limia e a Baixa Limia nas que estas especies gozan dunha ampla protección.

En opinión de STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA vótase de menos unha análise máis crítica dos proxectos por parte do organismo de cunca, a CHMS, que está avalando proxectos cuns impactos directos sobre as augas e os ríos, así como por parte de organismos como a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, aínda que sinala afectacións directas e moi significativas ao Castelo da Guioncha, ao cumio da Vela de Pexeiros na procura de indicios ou referencias relacionadas co Foxo dos lobos do Cebreiro, á Fonte da Cunca e lembra que non existe avaliación do impacto sobre o patrimonio cultural dos accesos ao parque eólico.

Os gobernos municipais dos Blancos, Baltar e Calvos de Randín, malia a que estaban alertados dos diferentes impactos sobre as persoas e o medio e demais afeccións, NON MOVERON UN DEDO contra os plans de Greenalia.

Comentarios
A presión veciñal e a información achegada por colectivos medioambientais paran o proxecto de Greenalia en Baltar, Calvos de Randín e Os Blancos