Sancionan a mina de San Finx con 180.000 euros por verteduras ilegais

Augas de Galicia impón unha multa á empresa mineira por verteduras contaminantes. Colectivos sociais e do mar demandan acción inmediata.
Sancionan a mina de San Finx con 180.000 euros por verteduras ilegais
Accion san finx 2
Accion san finx 2

Xunta de Galicia recoñece a inexistencia dun fondo natural de metais, que a empresa alegou durante anos en base a informes do ex-profesor Felipe Macías. Demandan que se retire a autorización de verteduras e se obrigue á empresa a selar a mina para impedir que saian máis augas contaminadas. Temen a desbandada da empresa, que nin sequera presentou alegacións fronte a proposta de resolución que impoñía a sanción.

Ecoloxistas en Acción e os colectivos sociais e do mar agrupados na plataforma contra as verteduras da mina de San Finx, en Lousame, celebran a imposición dunha sanción de 180.000 euros á empresa mineira por parte de Augas de Galicia. A multa responde á vertedura de augas con altas concentracións de metais pesados, incluíndo cadmio, cobre, cinc e níquel.

Os colectivos consideran que a sanción chega tarde, pois denuncian as verteduras dende 2016, e lamentan que non veñan acompañadas das medidas cautelares que reclamaban para deter a contaminación. Demandan o taponamento das galerías de drenaxe e o selado das labores en superficie para minimizar a entrada de auga, medidas que seguirán esixindo.

A sanción produceuse despois de que Augas de Galicia recoñecese a necesidade de revocar a autorización de verteduras concedida á empresa fai un ano. Esta autorización está actualmente recurrida nos xulgados e existe unha demanda penal por posibles delitos asociados ao seu outorgamento.

Os colectivos alertan da aparente desaparición da empresa, que non presentou alegacións contra a sanción e evita comparecer nos xulgados como investigada. Demandan á Xunta medidas inmediatas, como fianzas e o canon de control de vertidos, para garantir a restauración da zona afectada polas verteduras e evitar a continuidade da contaminación. O custo estimado da restauración, segundo os colectivos, ascende a varios millóns de euros, mentres a Xunta aprobou un orzamento de apenas 187.000 euros no final de 2020.

Sancionan a mina de San Finx con 180.000 euros por verteduras ilegais