Comunidade de Montes de Tameiga | nota de prensa

O Tribunal Superior de Galicia reafirma a ilegalidade da cidade deportiva do Celta

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ven de desestimar o recurso de apelación do concello de Mos, ratificando así a sentenza en primeira instancia que declaraba ilegal a cidade deportiva do Celta en Mos. Ademais condea ao concello de Mos a pagar as costas.

O Tribunal Superior de Galicia reafirma a ilegalidade da cidade deportiva do Celta
Reunión
Reunión

A Comunidade de Montes de Tameiga declárase satisfeita coa sentenza do Tribunal Superior de Galicia que reafirma a ilegalidade das licenzas concedidas polo concello de Mos para a construcción da Cidade Deportiva do Celta.

Desde a comunidade de montes destacan que o mérito de que se restitúa a legalidade urbanística en Mos non é exclusivo deles. Ecoloxistas en Acción, a Asociación Veciñal A Portela de Tameiga e tanto o Partido Socialista como o BNG tamén instaron á xustiza a actuar contra o despropósito urbanístico do goberno local de Mos que permitiu a construción dun edificio de case 3.000 m.2 cando pola cualificación do solo rústico de especial protección, só podían construirse uns pequenos vestiarios e almacén imprescindible.

“Estamos contentos coa ratificación da ilegalidade da cidade deportiva porque tiñamos claro que aínda que nos últimos meses andaban a dicir que renunciaban ao proxecto comercial, estas eran declaracións para a galería, o proxecto comercial só estaba aparcado ata que tiveran un goberno “amigo” en Madrid. A Cidade Deportiva sempre foi un cabalo de Troia para levar a cabo o proxecto comercial” declara Cesar Lago, presidente da Comunidade de Montes de Tameiga. Ademais desde a comunidade de montes subliñan que “se fala sempre dunha cidade deportiva, pero na reunión que tivemos hai semanas con Carlos Mouriño quedounos claro que é un proxecto da industria do ocio e que os campos de futbol son a excusa para expropiar o monte comunal e logo recalificalo para poder construir un complexo de hoteis, restaurantes, cafeterías e xogos recreativos”.

A Comunidade de Montes sinala que a cidade deportiva segue carecendo a día de hoxe de ningunha cobertura legal, xa que, despois de todo este tempo o Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas Deportivas tantas veces anunciado polo goberno municipal segue sen estar aprobado.

A xunta reitora de Tameiga parabeniza a toda a veciñanza comuneira que durante estes máis de catro anos de loita non cederon as ameazas e insultos nin a campaña de atosigamento mediante denuncias instigadas pola alcaldesa do Partido Popular, principal promotora deste desproposito urbanístico. Agardan que unha vez clara a ilegalidade das licencias concedidas, prospere a denuncia por prevaricación cursada contra Nidia Arévalo pola concesións destas licenzas. A veciñanza comuneira de Tameiga agarda que esta sentenza serva ademais de exemplo para todos aqueles que desde as administracións pensan que poden obrar por enriba da lei e para as empresas que operan con prácticas tan desdeñables como as do presidente do Celta, Carlos Mouriño.

O Tribunal Superior de Galicia reafirma a ilegalidade da cidade deportiva do Celta