Ecoloxistas en Acción | nota de prensa

O vindeiro 2 de Outubro distintos colectivos da Costa da Morte e Xallas realizan unha manifestación contra o modelo eólico que se está a implantar no País

Os colectivos Quijote de Outes, APEOM, Fonte Seca, Ecoloxistas en Acción Costa da Morte, Ecoloxistas en Acción Coruña Sur, Plataforma Bustelo Campelo e Monte Toural entre outras entidades, partirán dende o lugar das Paxareiras, en Mazaricos, ata o Mirador das Paxareiras no Concello de Carnota, en protesta polas tramitacións dunha cantidade desmesurada de proxectos eólicos no sur da provincia da Coruña e na costa da Morte.
O vindeiro 2 de Outubro distintos colectivos da Costa da Morte e Xallas realizan unha manifestación contra o modelo eólico que se está a implantar no País

 Entenden que os humedais sobre os que pretenden instalarse estes eólicos deberían estar protexidos contra estas actuacións dado o seu valor ambiental, e que ditas actuacións perxudican a habitalidade de aldeas enteiras, encaixándoas entre polígonos industriais e poñendo en risco o seu modo de vida.

Os manifestantes defenden que, dada a cantidade de proxectos e liñas de alta tensión asociadas a eles, causaríanse efectos adversos sobre o territorio que farían case imposible unha fixación de poboación nas zonas afectadas, dificultando tamén a conservación de postos de traballo directos e indirectos en sectores estratéxicos coma o agrogandeiro.

Os colectivos veñen de ter unha xuntanza cunha parte dos alcaldes das distintas comarcas para opoñerse con contundencia ao que, consideran, unha aberración sen precedentes. Denuncian que, a desconfianza entre o pobo galego de cara a estes proxectos está a medrar de xeito exponencial, debido a unha lexislación demasiado permisiva que mesmo consinte muiños de 200 metros a 500 metros de vivendas, sen unha avaliación estratéxica. Resaltan que son as propias empresas implicadas na actividade quen elaboran os estudos ambientais, e que estes contan con carencias como a falta de análises de impacto hidrolóxico e hidroxeolóxico. Ademais, actualmente o Plan Sectorial non se atopa publicado no Diario Oficial de Galicia, e aínda así, poden concederlles a condición de utilidade pública a proxectos privados.

Por último manifestan que, a día de hoxe, Galicia cumpre coas previsións europeas en renovables para 2030, e que as presas, a falta de planificación e a mala xestión ameazan con levarse por diante a Galicia das xeracións vindeiras.

Comentarios
O vindeiro 2 de Outubro distintos colectivos da Costa da Morte e Xallas realizan unha manifestación contra o modelo eólico que se está a implantar no País