Acampa pola paz e o dereito a refuxio

Acampa pola paz incorpora a Foca á súa rede, a primeira organización mexicana que se suma a este movemento

Este novo colectivo, integrado principalmente por mulleres, formouse en 1998 en Chiapas e desde entón traballa coas mulleres e as familias no acompañamento na fronteira con Guatemala. 
Acampa pola paz incorpora a Foca á súa rede, a primeira organización mexicana que se suma a este movemento
FOCA
FOCA

FOCA (Formación e Capacitación Asociación Civil) construíu unha Rede Mesoamericana que baixo o nome “Muller, Saúde e Migración” promociona os Dereitos Humanos e os Dereitos das Mulleres en México, Guatemala, Honduras e O Salvador. Promoveu ademais un Observatorio de Mulleres en Fronteira e un programa de radio, “As Moradas”, que a través das radios comunitarias difunde programas sobre dereitos á Terra, á Saúde e ao Traballo desde unha perspectiva de xénero. 

A Coruña, 12 de marzo de 2021.- A Rede Acampa pola Paz e o  Dereito a  Refuxio, nada na Coruña en 2016, non deixa de medrar. O movemento acaba de sumar unha nova entidade, a primeira en territorio mexicano. Trátase de FOCA, a organización nada en 1998 en Chiapas, formada maioritariamente por mulleres, que traballa coas persoas refuxiadas nas súas fronteiras, principalmente Guatemala, incidindo no apoio desde unha perspectiva de xénero. “Aplicamos modelos de atención que deseñamos na propia organización para o acompañamento integral de mulleres soas ou de familias que transitan ou solicitan asilo en México”, explican. 

Para Acampa pola Paz é unha satisfacción esta nova incorporación, especialmente pola longa tradición de loita e compromiso de FOCA, radicada ademais nun lugar tan significado na defensa dos Dereitos Indíxenas e os Dereitos Humanos como o é San Cristóbal das Casas (Chiapas). Oxalá esta colaboración sexa o xerme dun futuro Acampa México que se some ás redes que neste momento están en funcionamento: Acampa Coruña, Acampa Madrid, Acampa Brasil e Acampa Portugal e que converten - de facto- a Acampa nunha plataforma internacional de defensa dos Dereitos Humanos e o Dereito a Refuxio.  

O traballo desenvolvido por FOCA nestes vinte e tres anos é inxente. O colectivo, integrado principalmente por mulleres, traballa coas mulleres e as familias migrantes no acompañamento na fronteira con Guatemala. Ademais, puxo en marcha unha Rede Mesoamericana que baixo o nome “Muller Saúde e Migración” promociona a través de redes de base os Dereitos Humanos e os Dereitos das Mulleres tanto no seu país, México, como en Guatemala, Honduras e O Salvador. Así mesmo, crearon un Observatorio de Mulleres en Fronteira e manteñen nas ondas un programa de radio, chamado “As Moradas”, desde o cal e a través das radios comunitarias difunden programas de dereitos á Terra, á Saúde e ao Traballo desde unha perspectiva de xénero.  Máis información sobre FOCA nesta ligazón:  https://foca.org.mx/ 

Acampa pola paz incorpora a Foca á súa rede, a primeira organización mexicana que se suma a este movemento