Renta Básica Universal e Incondicional

Campaña: “Nin RISGA, nin Ingreso Mínimo Vital. RENDA BÁSICA XA!”

Ante as Eleccións Galegas os colectivos asinantes da campaña Nin RISGA, nin Ingreso Mínimo vital, RENDA BÁSICA XA:

Presentaron hoxe martes 23 de xuño  en roldas de prensa simultáneas celebradas ás 11:00h diante de edificios administrativos da Xunta en  A Coruña, Vigo e Santiago de Compostela, as súas propostas para que a renda básica serva de base a unhas novas políticas sociais no noso pais.

Campaña: “Nin RISGA, nin Ingreso Mínimo Vital. RENDA BÁSICA XA!”
RBUI int
Campaña: “Nin RISGA, nin Ingreso Mínimo Vital. RENDA BÁSICA XA!”

 

 

O estado de alarma deixou en evidencia a inacción da Xunta, algo que por desgraza viñamos padecendo de antes e agora quedou ao descuberto. A desescalada acelérase e a máquina das eleccións ponse en marcha como si nada tivera pasado nestes meses.
As políticas galegas que se puxeron en marcha neste tempo son minúsculas ante a magnitude da crise sanitaria, económica e social que estamos a vivir. Queda claro que non todas as vidas importan.
Ante esta situación facemos un repaso de catro aspectos que cómpre mellorar con urxencia:

- Renda Básica fronte a RISGA, IMV...

O 15 de xuño abriuse o prazo para solicitar o Ingreso Mínimo Vital, unha renda mínima insuficiente e feble, pero que con todo, mellora a esmola social da RISGA que cubre a unha parte moi pequena das persoas que malviven na pobreza na Galiza. A medida deixa fóra a moitas veciñas que están nunha situación de empobrecemento: persoas migrantes en situación administrativa irregular, persoas con menos dun ano de residencia ou á mocidade menor de 23 anos.
Nesta altura o mutismo da Xunta é absoluto, nada sabemos de como van proceder, nin de como se vai a xestionar parte do orzamento da renda de inclusión de Galiza. Renda que é a segunda máis escasa no que conxunto de rendas do estado español.

- Dereito a vivenda:

A situación de confinamento puxo de manifesto a desigualdade e a inxustiza que atravesa ao dereito á vivenda. O estado de alarma aflorou a manchea de persoas que malviven sen fogar na Galiza, así como a falta de medidas para a súa atención. Estes meses puxeron de manifesto as precarias condicións das vivendas que habitan unha gran parte da poboación: espazos insuficientes, falta de ventilación, xanelas minúsculas, vivendas superpoboadas, infravivendas...

A administración galega leva anos pechando os ollos ante esta realidade, os datos falan: a construción de vivenda protexida na Galiza caeu a mínimos históricos nos últimos anos. En 2019 rexistrouse a segunda cifra máis baixa desde que se iniciou o reconto de vivenda libre e protexida en 1991.

Anos de políticas deixaron o dereito á vivenda nas gadoupas dos grandes capitais. Temos como resultado que o mercado máis salvaxe sexa o que marque as normas de acceso ou exclusión a este dereito básico para a vida e para a saúde pública.

Rolda en Santiago de Compostela

- Poboación migrante:

Unha vez máis, as persoas migrantes seguen a padecer un labirinto marcado pola violencia coa lei de estranxeiría como marco legal. Co Ingreso Mínimo Vital temos un novo exemplo de como as políticas exclúen a decenas miles de veciñas que non poden acceder a “faragullas” e que aínda por riba son criminalizadas como beneficiarias abusivas das mesmas. O paradoxo é cruel, non son persoas que poidan acceder a dereitos pero son a maioría da poboación que sostivo no estado de alarma e sostén hoxe, actividades esenciais como son os traballos de coidados e do campo.

Rolda en Vigo

- Maiores

O COVID19 deixou espido o negocio das residencias e en xeral a ineficacia da lei de dependencia. Facer negocio coas necesidades dos maiores ten resultados mortais. Agardamos que as mortes das nosas vellas e vellos sirvan para repensar e reorganizar como coidamos na derradeira fase da vida.

A resposta da Xunta foi pechar os centros de día até o 1 de setembro deixando en mans das familias, por tanto das mulleres, os coidados de maiores e persoas con diversidade.

Na actualidade, 6.400 persoas agardan na Galiza polas prestacións por dependencia que solicitaron. No que levamos de ano 395 persoas morreron na Galiza na lista de agarda da dependencia, segundo os datos que fixo públicos a Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais. Sen contar o deterioro físico e mental que supón estes meses de confinamento e non atención.
Ante esta situación esiximos que o vindeiro goberno da Xunta, asuma a proposta dunha RENDA BÁSICA suficiente, incondicional, universal e incorporada como pleno dereito da cidadanía, como base dunha nova política social, que xire entorno ao conxunto de necesidades das persoas e que teña en conta ao conxunto da cidadanía nas súas diversidades.

Xuño 2020

Asinan:

Foro Galego de Inmigración, Oficina Dereitos Sociais de Coia, Colectivos pola Renda Básica Universal de Compostela, Betanzos e A Coruña, Boa Vida, SOS Racismo Galicia, ONGD Viraventos, Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, Coordinación Baladre contra a precariedade, o empobrecemento e a exclusión social, Coordinadora de Crentes Galeg@s, Asociación Fuco Buxán, Vangarda Obreira da Coruña.

 

 

Campaña: “Nin RISGA, nin Ingreso Mínimo Vital. RENDA BÁSICA XA!”