Mobilidade
Bancos que disuaden condutores vs. bancos para sentarse
O Concello substitúe un banco de madeira en Vila de Negreira por bancos de pedra do mesmo modelo cos da Mariña.
![Bancos en Vila de Negreira](/asset/thumbnail,992,558,center,center/media/entrenosagra/images/2017/06/13/2017061314564219545.jpg)
Onde había un banco de madeira (con respaldo) hoxe hai cinco bancos de pedra (sen respaldo). Apenas uns días despois de ampliar beirarrúas e gañar espazo para os peóns no cruce de Vila de Negreira con José Amor López, os técnicos municipais comprobaron que o espazo gañado era en realidade territorio para os automóbiles. Dous meses de obras e a mobilidade na zona segue dependendo do que fagan os condutores.
En resposta a Entre Nós, o Concello explica que “a substitución de bancos veu motivada por dous aspectos: na praciña recén gañada na intersección coa Rúa José Amor López, resultaba insuficiente o único banco colocado. Era necesario dispoñer máis superficie de asento”. E o segundo aspecto: “Dende a mesma xornada na que o espazo quedou aberto, constatouse a invasión das beirarrúas coma superficie de estacionamento de vehículos. Aparecía a necesidade de resolver este problema, antes de que os vehículos comezasen a danar o novo pavimento. O emprego dos bancos coma barreiras para a contención do aparcamento indebido foi o motivo do cambio de modelo destes en favor dunha solución máis robusta para o novo papel que agora se lles encomenda”.
Os veciños teñen máis bancos, é certo. Pero son máis incómodos. Instaláronse catro bancos de 2,50 metros e un quinto de 1,25 metros. Son os mesmos que os que se colocaron na Mariña para impedir accidentes no peirao (ver a imaxe de abaixo). Aquí, na Agra, teñen outra misión: que os condutores non aparquen nas beirarrúas.