BNG | nota de prensa

O BNG cualifica de desculpas de mal pagador que o Goberno apele á saúde dos traballadores da AEMET para negar o acceso da veciñanza da Agra aos xardíns do Observatorio

O Goberno anuncia un convenio co Concello, mais mentres tanto o BNG entende que non hai ningunha razón para manter os xardíns fechados ao público

O BNG cualifica de desculpas de mal pagador que o Goberno apele á saúde dos traballadores da AEMET para negar o acceso da veciñanza da Agra aos xardíns do Observatorio

A Coruña, a 25 de agosto de 2021. “Nestes momentos, considérase xustificado manter o acceso limitado aos xardíns da delegación [da Axencia Estatal de Meteoroloxía, AEMET], con obxecto de protexer a saúde dos seus traballadores”, responde o Goberno do Estado a unha pregunta formulada polo voceiro do BNG no Congreso, Néstor Rego, en relación á necesidade da re-apertura ao público dos xardíns do Observatorio.

A resposta constitúe unha desculpa de mal pagador a xuízo do BNG e a negativa do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, do que depende a Axencia Estatal de Meteoroloxía, só revela a súa falta de vontade política á hora de permitir o acceso da veciñanza da Agra do Orzán a estas zonas verdes.

En realidade, non hai ningunha razón que xustifique manter os xardíns fechados ao público. Estamos a falar dun espazo ao ar libre, dunha zona de recreo e de lecer seguro. A súa re-apertura, naturalmente coas condicións de seguranza vixentes (distancia de seguranza, máscaras cando esta non sexa posíbel), en absoluto atenta contra a saúde das persoas. E moito menos das e dos traballadores da delegación da AEMET que teñen no Observatorio a súa sede, pois o cadro de persoal non realiza as súas funcións nos xardíns e, ademais, dispón dun aparcamento acoutado ao que non pode acceder o público en xeral.

Negar o acceso aos xardíns do Observatorio coa desculpa da protección da saúde das e dos traballadores da AEMET é tan inxustificado como sería negar á cidadanía da Coruña o acceso á praza de María Pita para protexer as e os empregados do Concello.

O que demostra, por tanto, esta resposta é que o Goberno do Estado non ten unha disposición positiva á hora de falar coa cidade sobre uns terreos, os xardíns, que desde a automatización do Observatorio xa non son precisos para as súas actividades.

Na resposta, porén, o Goberno do Estado indica que a AEMET “impulsará un convenio de colaboración co Concello da Coruña, onde queden plasmados os resultados das negociacións” sobre a cesión á cidade dos terreos do Observatorio, precisos para faceren parte do futuro Parque da Agra.

“Porén, a continuidade das negociacións”, afirmaba Néstor Rego na pregunta que deu orixe a esta resposta, “non impide que no momento actual, finalizados os estados de alarma e recuperada a mobilidade da poboación, se reabra ao público o xardín do Observatorio Meteorolóxico, fechado desde o comezo da pandemia e permitir que a veciñanza da Agra volte a desfrutar deste espazo ao ar libre para o seu tempo de lecer”.

Escusamos recalcar que precisamente no estado actual da situación pandémica é máis necesario que nunca manter abertos os espazos públicos ao ar libre para permitir o desfrute de veciños e veciñas de modo a evitar contaxios e visando garantir as distancias de seguranza.

Como argumentaba Néstor Rego na súa iniciativa parlamentar, “os terreos do Observatorio ubícanse no barrio da Agra do Orzán, un dos máis populosos e densamente urbanizados da cidade que padeceu desde as súas orixes as consecuencias dun urbanismo salvaxe e depredador e, debido ao cal, continúa a sofrer unha grande carencia de zonas verdes e espazos públicos”.

De aí que a súa veciñanza precise lugares “para respirar, para camiñar, para o seu benestar”.

Comentarios
O BNG cualifica de desculpas de mal pagador que o Goberno apele á saúde dos traballadores da AEMET para negar o acceso da veciñanza da Agra aos xardíns do Observatorio