Marea Atlántica | nota de prensa

O BNG pídelle ao goberno local que complete a reforma da rúa Páramo, xusto á beira dos terreos do Observatorio

O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, rexistrou un rogo, para a súa defensa no Pleno do vindeiro xoves 13X, por medio do cal insta o Goberno Coruñés a que complete a reforma da Rúa Páramo, no treito comprendido entre a confluencia desta vía coas rúas Barcelona e Canceliña e os terreos do Observatorio Meteorolóxico.
O BNG pídelle ao goberno local que complete a reforma da rúa Páramo, xusto á beira dos terreos do Observatorio

A Coruña, a 5 de xaneiro de 2022. Explica Jorquera na súa iniciativa que, dentro das obras de humanización realizadas no barrio da Agra do Orzán, o Concello acometeu a reforma da Rúa Páramo, coa renovación do firme da calzada e beirarrúas e coa renovación da rede de saneamento e augas pluviais.

Mais o problema é que o fixo de forma parcial e incompleta, deixando fóra das obras o treito da Rúa Páramo que desemboca no muro que separa esta vía dos terreos do Observatorio Meteorolóxico.

“A falta de actuacións neste treito da Rúa Páramo”, subliña Jorquera, “no canto de a revitalizar e de a pór en valor, acentúa a súa estigmatización como unha rúa morta, por carecer de continuidade ao rematar no muro que a separa dos terreos do Observatorio”.

Acha o voceiro nacionalista que esta é unha razón a maiores para continuar a demandar a cesión á cidade dos terreos do Observatorio “para a súa incorporación ao futuro Parque da Agra”, e para demandar tamén “a eliminación do muro que os separa do barrio”.

As obras de reforma nese tramo da rúa Páramo son moi urxentes por se tratar dun treito chan ao que se chega despois dunha acusada pendente e onde “en días de fortes chuvias a auga estáncase e mesmo sobe polas conducións dos edificios facendo que sexan frecuentes as obturacións provocadas polos restos que arrastra”.

De resto, o mal estado da rede de saneamento “fai que haxa presenza da ratas que mesmo teñen subido a algunha vivenda a través das conducións”, conclúe Jorquera.

Comentarios
O BNG pídelle ao goberno local que complete a reforma da rúa Páramo, xusto á beira dos terreos do Observatorio