Parque da Agra

Chega a primeira parte do Parque da Agra

Hai moito tempo que a demanda da Asociación Veciñal do Agra do Orzán é incansable: PARQUE DA AGRA XA!

Chega a primeira parte do Parque da Agra
Observatorio
Observatorio

Falamos cos representantes da Asociación Veciñal Agra do Orzán, a súa presidenta María Gutiérrez e a secretaria Marisol Mirás, para que nos conten cal é a situación actual do futuro Parque que se ubicará nos terreos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET).

Relátannos que hai que celebrar un primeiro paso, pero o obxectivo aínda non está logrado. Os terreos onde se sitúa o Centro Meteorolóxico na rúa Canceliña, por fin serán de uso público, polo menos dúas parcelas que suman uns 5.000 m².

A insistencia e tesón da Asociación e da veciñanza do barrio lograron o primeiro paso para conseguir o ansiado parque público para o barrio da Agra, unha loita que leva polo menos 40 anos. Este é o primeiro paso, pero o obxectivo é lograr que os terreos de toda esa zona se convertan nun espazo público para o barrio da Agra do Orzán.

Os avances

Realizouse un protocolo entre a Axencia Meteorolóxica e o Concello da Coruña para ceder xestión sobre parte dos terreos que a Axencia posúe na rúa Canceliña. A parte cedida é o terreo onde se atopa o Observatorio Meteorolóxico e que está detrás do muro da rúa Canceliña, que ten un espazo  similar á praza das Conchiñas, e a outra parcela cedida é a correspondente á entrada pola rúa Gregorio Hernández. Estas dúas parcelas suman 5.000 m² e non se comunican entre si.

O edificio da AEMET segue coas súas actividades no Parque, polo que non é posible unir as dúas parcelas, xa que dito edificio é un punto de unión entre ambos espazos.

É unha boa nova o feito de que se asine o protocolo para abrir estes espazos, e as intencións do Concello son abrilo pronto.

Non hai dúbida de que isto debería terse feito fai moitos anos, chega tarde, pero é certo que temos que celebrar que o fixeran.

Tamén á Asociación veciñal seméllalle moi ben que a empresa encargada da construción do parque solicitara suxestións e que a Asociación puidera facer propostas. Di Marisol que non se pode facer o mesmo que se fixo na praza das Conchiñas. “Estes espazos deben ser útiles para toda a veciñanza, multifuncionais, hai que aproveitar o espazo tan limitado que temos para o desfrute de toda a veciñanza: maiores, nenos, nenas e adultos, para diversas actividades de esparexemento que alí se poderán realizar”.

As propostas enviadas pola Asociación priman nun espazo o máis natural posible, plantar especies arbóreas autóctonas, que son máis sostibles en todos os sentidos e máis saudables, unha iluminación tamén saudable con luminarias baixas, servizos públicos e, nas zonas con moitas pedras, crear materia orgánica para poder plantar. Para iso, suxeríronse plantas de San Xoán, diversas flores do Arco da Vella e arbustos que resistan ben ao sol e á escaseza de auga, xa que é un terreo con moitas pedras.

Estes son os primeiros pasos para que exista un espazo común óptimo para o disfrute de todas e todos. Alí poderanse realizar moitas actividades para a veciñanza do barrio e da cidade.

Ben, déronse os primeiros pasos para alcanzar o Parque da Agra. No último ano, a Asociación estivo durante meses concentrada diante do Concello, ademais da longa traxectoria de reivindicacións para que haxa un parque.

Insisten: conseguíronse dar os primeiros pasos, pero o obxectivo aínda non está alcanzado, queremos un parque, O PARQUE DA AGRA. Estamos neste punto e seguiremos coas reivindicacións para conseguir que os terreos adxacentes, Campo da Burra e Adoratrices, sexan públicos e se complete o Parque que o barrio necesita.

O Concello terá que continuar co seu traballo, en primeiro lugar dando os pasos para que estas dúas parcelas de 5.000 m² poidan abrirse ao público nas mellores condicións, e continuar as negociacións cos distintos propietarios para chegar a acordos e recuperar os 15.000 m² restantes.

Non hai dúbida de que a Asociación veciñal Agra do Orzán non se deterá ata conseguir un Parque tan necesario para o barrio, tan carente de espazos públicos.

Chega a primeira parte do Parque da Agra