Letras galegas

Habelas Hainas e Os Viqueiras continúan a festa na Agra

Os Ferrados de Letras chegan este xoves ao Centro Ágora. A entrada é de balde.

Habelas Hainas e Os Viqueiras continúan a festa na Agra
Habelas Hainas
Habelas Hainas.

Habelas Hainas son “músicas en pé de festa”, que veñen de presentar unha iniciativa na que andan animando á presenza de grupos formados por mulleres nas verbenas do país e volven camiño de Compostela para facer parte do Batebatuke, fan parada na Agra, no Centro Ágora, escenario novamente do Ferrados de Letras que organiza a Asociación veciñal da Agra. Será este xoves día 25 ás 20.30 horas.

Os Ferrados de Letras son unha festa das letras (galegas) adiada respecto da data institucional para animar a presenza de músicas e letras galegas durante o mes de maio e os que veñan. Un pouco, tamén, “letras en pé de festa”.

Como explicaba Ricardo Seixo non hai moito nunha conversa con Entre Nós, este ano, para a segunda edición, a asociación de veciñas puido gastar algo máis de cartos para ampliar o cartel de artistas. En plena campaña LilAgra a festa tiña que ter cor feminino. E por iso Habelas Hainas.

Tamén de festa en festa andan Os Viqueiras de Ordes, que anuncian novo disco para xa mesmo. Pasarán polo Ágora nos Ferrados cos sons tradicionais. E xunto a eles, o grupo “local”, os Parabéns, que tamén teñen disco recente e concerto recente co coro da asociación veciñal.

A asociación que tamén achegará os seus grupos de recitados, de baile, de padeiretas e de canto á festa dos Ferrados. Música con poesía no lugar da Agramela, no gran contedor cultural do barrio, cada vez máis sensible aos cantos da terra, que vén de acoller o festival de Xacarandaina e xa prepara para este domingo o quinto Dálle Donaire.

Cartel dos Ferrados de Letras 2017


 

Comentarios
Habelas Hainas e Os Viqueiras continúan a festa na Agra