Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica e o goberno local confirman que a estación intermodal contará con 800.000 euros no Orzamento 2022
O proxecto presupostario que estan a negociar garante os fondos suficientes para pór en marcha as obras das terminais de bus e ferrocarril
Mentres o Concello asume o pago de 14 millóns de euros en tres anos, o ADIF, un organismo do Estado, compórtase coma unha inmobiliaria e procura o máximo beneficio
A Coruña, 3 de febreiro de 2022.- A Marea Atlántica e o goberno local confirmaron hoxe, durante a celebración do Pleno, que a estación intermodal contará cos 788.100 euros necesarios para que dean comezo as obras das terminais de autobús —dependente da Xunta de Galicia— e de tren —dependente do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias do Estado—. O Concello da Coruña cumprirá coa súas obrigas para non demorar máis as obras.
O vicevoceiro da Marea Atlántica e representante na Comisión de Urbanismo, Iago Martínez, lembrou que a Intermodal leva un enorme atraso acumulado e non se inaugurará, con sorte, até 2025, “trinta anos despois da primeira vez que se comezou a falar do proxecto, e vinte anos despois de que se asinase o primeiro convenio para impulsala”. Isto quere dicir que o proxecto pasou por mans de dous presidentes da Xunta, tres da Moncloa e cinco gobernos municipais, nos que estiveron representados dun xeito ou doutro todos os partidos presentes hoxe no Pleno. Por iso, a Marea Atlántica facilitou hoxe a súa aprobación.
“O proxecto que se está a impulsar agora é infinitamente mellor que o que deseñaron o bipartito de PSOE e BNG e continuou o PP, que convertía a estación nun complexo inmobiliario con 50.000 m² de usos comerciais, 11.000 m² de usos hoteleiros e 20.000 m² residenciais. Reconducir ese proxecto foi un servizo á cidade, e fíxoo a Marea Atlántica, igual que o de parar a desfeita prevista no porto en 2004”, lembrou Iago Martínez.
ADIF: un órgano do Estado que pensa coma unha inmobiliaria
Pero sinalou que o proxecto sufriu cambios relevantes nos últimos meses, o máis preocupante, que se incrementa a superficie comercial en 5.100 metros cadrados, a beneficio de ADIF, a única das entidades que ten garantidos fondos europeos e que, aínda así, busca reducir ao máximo a súa achega, mentres o Concello asume o considerable pago de 14 millóns de euros en tres anos. “Deixárono por escrito, nunha carta que figura no expediente. ADIF pide máis metros de usos lucrativos non para mellorar o servizo ferroviario, senón para facer caixa. É o resultado de 50 anos de neoliberalismo e de infiltrar a lóxica empresarial nas institucións públicas, que temos a organismos do Estado comportándose coma inmobiliarias, aquí, no porto, no cárcere, na Maestranza…”
Por iso presentamos alegacións ao proxecto, que foron desestimadas sen diálogo no medio do trámite de aprobación do convenio marco da Intermodal, motivo polo que votamos en contra. Fronte ao convenio de desenvolvemento da Intermodal, abstivémonos polo excesivo beneficio para o ADIF, ao que o goberno local nin sequera tentou discutirlle. Si contou co noso voto favorable o cambio no PXOM para permitir as obras de acceso á estación pola Sardiñeira, que deseñamos no pasado mandato e suporá importantes melloras para o barrio.