Incómodo apostolado tolo

Miguel Otero pon en evidencia as distintas formas de violencia que se empregan contra o colectivo tolo nunha charla dentro do programa da segunda Marcha Mundial pola Paz e a Nonviolencia que celebra esta semana distintas actividades na Coruña. 
Incómodo apostolado tolo
Miguel Otero. Charla dentro do programa Pola Paz e Nonviolencia. Casares Quiroga. Febreiro 2020
Miguel Otero, antes da charla deste martes na Casares Quiroga.

Miguel Otero é un tolo. Un tolo consciente e orgulloso, o que en determinado momento da historia teríao incapacitado para ser un tolo. Hoxe, Otero é quen de trazar nunha charla dunha hora unha xenealoxía da loucura sen citar a Foucault nin aos pais da anti-psiquiatría, porque a súa é unha historia contra todos os sistemas de xestión das desviacións, que é a primeira condición dos estigmatizados para desprenderse do estigma: recoñecerse. A segunda, reunirse. Miguel non está só e por iso combate. Ollo aos tolos (e tolas), porque o seu sufrimento revela inmediatamente o sufrimento agochado en todas e todos nós (os normais), pero tamén as armas para combatelo… A terceira: o apostolado: anunciar a rebelión: incomodar.

Niso anda Miguel, liado, loitando contra a miseria do mundo, descubrindo espazos tolos e espazos de relación entre tolos e profesionais da saúde mental, nun activismo heroico nestes tempos de activismo precario, economía precaria, saúde precaria… dicíndonos que hai ferramentas para desvelar os mecanismos que rexen o sistema e, quizá, tamén haxa outras para desmontalo. Niso andan tolas e tolos, xuntándose e defendéndose. No reino da precariedade vemos mulleres, labregos e tolos xuntándose para se defender.

Onde hai resistencia hai vida, din os desposuídos. Onde hai vida, inflixiremos violencia, responde o sistema.

“As tolas e tolos andamos en proceso de organización e facer redes. Empezamos a empatizar cos profesionais. Igual non podemos pedirlles que viren tolos, pero si que proben algún dos fármacos que nos prescriben”, comeza Miguel Otero este martes na Casares Quiroga co propósito de “incomodar”, como incomodan, se len amodo as definicións académicas como fai Miguel, os significados do termo violentar. Desde a perspectiva tola, un desenfoque que como calquera desenfoque (mulleres, labregos?) desvela os mecanismos do sistema, violentar suxire: 1) unha situación escura, previsíbel e totalmente cotiá, “non me interesan tanto as causas, senón como se recupera á xente”; 2) síntomas, estigma, xente perigosa… “a violencia, sobre todo, exercémola sobre nós mesmas; os episodios de violencia de xente tola están por baixo da estatística da poboación normal”; 3) dereitos que non teñen, “se determinan que estás fóra da realidade, entras nunha excepción de lei… parece que os tolos vivimos nun estado de excepción”; 4) manipulación, vulnerabilidade; e 5) as formas nas que os obrigan. 

"Que pasa se ten razón Krishnamurti e non é signo de boa saúde estar adaptado a unha sociedade enferma… se a esquizofrenia fora un mecanismo de defensa contra esta sociedade?”

“Hai violencia na saúde mental, pero as raíces desa violencia están noutro sitio”, alerta o activista mentres a pantalla mostra a figura dun iceberg na que emerxen termos como contención mecánica, tutela, medicación, suicidio… como síntomas evidentes da violencia que se exerce contra o colectivo. Despois están outras, por baixo da superficie, como a criminalización, a infantilización, o silencio ou o desemprego… E, as máis fondas, como o bioloxicismo, o cerebrocentrismo ou a romantización da loucura. 

Miguel Otero (2)O iceberg é unha achega do movemento feminista, como o é a clasificación de Irish M. Young a respecto da opresión. “En calquera opresión topamos estas cinco caras. Na opresión contra os tolos hai violencia, por exemplo cando vés dun trauma e a reacción é producirche outro trauma. Hai explotación, mesmo laboral. Hai imperialismo cultural, por exemplo no discurso biolóxico que xurdiu nos setenta e oitenta e seguramente ten que ver co investimento brutal de cartos por parte das farmacéuticas. Hai marxinación. E hai carencia de poder, mesmo nas raíces, nas relacións familiares… isto foi unha das achegas da anti-psiquiatría, cando caeron na conta de que o tolo ou a tola é o elo débil da cadea, pero na familia danse unha serie de relacións e situacións que están nas raíces do problema”.   

Otero comparte co auditorio moita información e algunha inquedanza. Sinala as alternativas terapéuticas máis innovadoras das que ten noticia arredor do mundo. Identifica algunhas das personaxes máis próximas sobre as que tolas, tolos e normais deben estar alerta. Chama a tecer redes e comunidades. Comprométese a coller algunha bandeira. Xa anda niso, confesa. 

“Hai unha correlación entre a desigualdade social e a saúde mental. A polarización social provoca malestar social." 

Mais o activista pon especial énfase en facer ver ao auditorio que a saúde é un problema de todas e todos. “Di máis da túa saúde o teu código postal que o teu código xenético”, advirte. Os determinantes da boa ou mala saúde son sociais, insiste. É importante, di Otero, que iso fique claro, porque a saúde mental ten condicionantes sociais, empezando pola familia, mais calquera outro aspecto da saúde tamén os ten. “Hai unha correlación entre a desigualdade social e a saúde mental, por exemplo. A polarización social provoca malestar social. Como tamén hai correlación entre indicadores económicos, como a pobreza, é saúde en xeral”.

Miguel Otero. Charla dentro do programa Pola Paz e Nonviolencia. Casares Quiroga. Febreiro 2020 (3)Para moverse no labirinto, para facer intervención social, di Otero, hai que ser precisos na definición do problema. Máis aínda, hai que identificar ben os diferentes conflitos de intereses que cegan portas de saída. E hai que abandonar os estigmas. 

Conclúe Otero cunha reflexión que incomoda: “Se a esquizofrenia, eses xens, tivera sido un problema para a humanidade, a propia evolución teríaa descartado; a esquizofrenia tería desaparecido. Mais, e se non é un problema? Que pasa se ten razón Krishnamurti e non é signo de boa saúde estar adaptado a unha sociedade enferma… se a esquizofrenia fora un mecanismo de defensa contra esta sociedade?”

Incomodar é tamén unha estratexia de intervención deste apostolado tolo.
 

Incómodo apostolado tolo