Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica chama á participar mañá na manifestación que reclama máis persoal e medios na sanidade pública

Convocada por todos os sindicatos con representación no hospital da Coruña, a marcha celébrase este xoves 20 de xaneiro, con saída ás 19h da Casa do Mar

A Marea Atlántica chama á participar mañá na manifestación que reclama máis persoal e medios na sanidade pública

Presentaremos unha iniciativa na Deputación para denunciar que a pandemia bateu nun Servizo Galego de Saúde xa moi debilitado polos recortes, con listas de agarda crecentes e un persoal desbordado e precarizado

A Coruña, 19 de xaneiro de 2022.- A Marea Atlántica fai un chamamento a participar na manifestación convocada por todos os sindicatos con representación na Xunta de Persoal do Hospital da Coruña, para reclamar máis persoal e medios no servizo de urxencias en particular, e na sanidade pública en xeral, que está a vivir un momento de colapso, ao ter que enfrontar a pandemia debilitada polos recortes acumulados durante os últimos anos. A mobilización será este 20 de xaneiro, con saída ás 19.00h na Casa do Mar e remate no Obelisco, e camiñará baixo o lema “Sen persoal non hai sanidade”.

Nesta liña, presentaremos unha moción no vindeiro Pleno da Deputación Provincial, o 28 de xaneiro, para denunciar que a covid bate nun sistema sanitario xa feble e precarizado, cuxa situación non deixou de empeorar desde que Feijóo é presidente da Xunta de Galicia, o que ten consecuencias directas na saúde de toda a poboación. Por este motivo, volvemos sumarnos ás reclamacións dos sindicatos CIG, CCOO, UGT, CSIF, Omega, Satse e USAE, como xa fixemos nas convocatorias previas. Defender a sanidade pública é defender a saúde e a calidade de vida de toda a cidadanía.

O persoal sanitario fala de colapso

Segundo denuncia a Xunta de Persoal, as urxencias están desbordadas e en situación de auténtico colapso. Esta mesma semana chegou a haber ata 30 persoas nos corredores do hospital, con patoloxías de diferente gravidade. No Punto de Atención Continua da Casa do Mar a situación non é mellor, con centos de consultas derivadas da pandemia e sen persoal especializado para atendelas.

E se chegamos a este punto, é polo enorme atasco nos centros de saúde, onde as listas de agarda e a saturación do persoal sanitario non deixan de aumentar, chegando a ver ata 70 e 80 pacientes diarios. Fronte a esta situación, a única resposta que ten Feijóo é incorporar persoal xubilado.

Tal e como se sinala na iniciativa que levaremos á Deputación, os problemas no Servizo Galego de Saúde non son, con todo, froito da covid. Veñen de moi atrás, alimentados por constantes recortes, empeoramento das condicións laborais, derivacións á centros privados e falta de investimento público, que seguen sen recuperar os os niveis previos á crise de 2008. Así, na Coruña temos servizos de urxencias que non poden máis, e centros de saúde que están ao límite e que mesmo perden servizos por non cubrir as baixas e vacacións, como aconteceu recentemente en Labañou, Monte Alto ou Novo Mesoiro.

O mesmo acontece no eido sociosanitario, onde a pandemia amosou o debilitados que están servizos como os centros de día, as residencias de maiores ou a axuda a domicilio, resultado de deixalos en mans de empresas que puxeron o beneficio por enriba da calidade asistencial e a dignidade laboral.

Comentarios
A Marea Atlántica chama á participar mañá na manifestación que reclama máis persoal e medios na sanidade pública